07-ULLA

07 MilRios_Ulla

.

BITÁCORA 

  • Data                                1 / 07/ 2012

  • Tempo                             Soleado

  • Distancia percorrida   27,2 millas.

  • Duración                         8h 32 m.

  • Velocidade media         3,2 nós.

  • Velocidade máxima     5,9 nós.

Saímos de Carril relativamente cedo porque prevemos unha navegación longa. Cruzamos entre as estacas que sinalizan as plantacións de marisco e lembramos The Lightining Field de Walter de Maria. Tamén nos suxiren a imaxe dun campo de batalla, con grandes lanzas chantadas. Non hai moito movemento, o silencio axuda.

Estamos nun espazo que no século X foi escenario de batallas cos normandos que, a través do Ulla, pretendían chegar a Compostela. Como protección Afonso V edificou, no século XI,  as Torres do Oeste, que temos por estribor, e no século seguinte Xelmírez a capela que vemos a carón das torres.

En Catoira, pasadas xa as torres, atopámonos por babor cun cemiterio de barcos no que xacen tres esqueletos. Na ribeira de estribor, dúas reconstrucións de drakkars que se usan nas romarías viquingas do mes de agosto.

Ao longo do río atopamos varios cruceiros, que configuraron un vía crucis, e que foron contruídos, en boa parte, nos anos sesenta do século pasado.

Nótase que o Ulla é un río con moita historia. Nas beiras permanecen tamén os restos de varios serradoiros e conserveiras…

Enormes piares en construción, do que supoñemos que será unha futura ponte do AVE,  invaden totalmente o río, cambiando o seu aspecto. A navegación realízase sen ningunha dificultade e chegamos a Pontecesures, onde a corrente flúe entre peiraos que acollen industrias a ambas beiras e barcos de pesca. Pasamos a ponte e seguimos cara Herbón. As pesqueiras superámolas sen problema. Logo faise imposíbel a navegación e damos volta. De regreso, antes de entrar en Pontecesures, collemos á dereita a canle que bordea Padrón. Navegamos, entre dous altos muros de formigón, até unha presa que nos separa do Sar, saltámola e subimos polo mítico río o treito no que é posíbel facelo, algo máis de unha milla.

Baixamos da piragua na alameda de Padrón e sentamos na terraza do primeiro bar que topamos. Anuncian os pementos en inglés e, cando os probamos, preguntámonos se serán de Liverpool.

De volta metémonos polo lado estreito do río, deixando a Illa de Bexo por babor. Os xuncos das beiras son bonitos e dende o plano da auga adquiren unha relevante presenza. No río había, ao parecer, moitas máis illas que desapareceron a causa do dragado continuo que se fixo para obter area.

Pensamos que navegar a vela, como antes se facía aquí, non debía ser nada doado.

Ao chegar á boca do río consideramos a posibilidade de ir a Rianxo, as referencias históricas atraen a un dos tripulantes –o outro pensa máis en chegar a Carril e cear–.  Como xa está a caer a noite, ambos nos decidímonos pola segunda opción.

A marea devalou e quedamos varados. Ao baixar da piragua, o corpo se tambalea manifestando as horas que leva alí inmobilizado. Estamos preto da illa de Cortegada que, segundo temos entendido, foille regalada á familia real que posteriormente a vendeu. O móbil canta o quilómetro 49 –aínda non fomos capaces de poñelo en millas, como esixe o mundo do mar–, e pensamos que, despois de tanto vogar, estaría ben rematar cun número redondo. Damos a volta a illa de Cortegada para cumprir os cincuenta.

Poñémoslle o ramo cunha mariscada nun restaurante de Carril. A ría meréceo e a expedición tamén.

 
 

Deixar un comentario