28- MASMA

BITÁCORA

Data                                 21 / 09 / 2013

Tempo                               Nubrado

Distancia                           10,57     millas   

Duración                           4h 45 m.                                                          

Velocidade media            2,3 nós.

Velocidade máxima         5,3 nós.

Despois de navegar na ría de Ortigueira subimos a piragua ao coche e dirixímonos a Foz, como debemos de facer tempo, agardando a que a marea suba, paramos en Covas, preto de Viveiro, a tomar algo e repor enerxías.

 Xa en Foz, pensamos en saír da praia da Rapadoira, mais ao observar o mar dende o extremo do espigón que a forma, desistimos, hai olas considerábeis para pasar esta punta. Decidimos embarcar na praiña que hai dentro do porto, o mar esta calmo, agás na barra de Barreiro que temos por proa.

Aínda que a marea está subindo, non está chea. Buscamos o camiño con máis profundidade para evitar varar, a beira leste do río. Cando levamos dúas millas chegamos á ponte do ferrocarril, que en certa medida separa a ría do río. De seguida cruzamos a ponte da autovía de nova construción e a da Espiñeira, na que cargaban en barcos a madeira que traían polo río. Na Espiñeira chámanos a atención as dúas casas que hai na beira dereita, unha delas, A Goleta, foi construida co seu embarcadoiro, a mediados do XIX por un indiano, quen tamén construíu unha goleta para o transporte de sal e madeira, e de aí ven o nome desta bonita casa de turismo rural.

Pouco despois o río estreitase, e a navegación vólvese complicada pola cantidade de árbores caídas que atravesan o río. Non entendemos porque non se limpan os ríos, que sentido teñen estes troncos atravesándoos con toda a ramallada que acumulan?

A falta de profundidade dalgúns lugares e os pequenos rápidos, obrígannos a baixar da piragua, para volver a embarcar inmediatamente unha vez superado o obstáculo. Subimos ata pouco despois de pasar Celeiro de Mariñán, onde se volve imposíbel a navegación. Temos que dar volta, cando levamos cinco millas e media de navegación.

O descenso é moito máis doado e non precisamos baixar da piragua en ningunha ocasión. Unha vez pasadas as tres pontes volvemos á ría de novo. Agora a marea está máis alta e podemos navegar directamente, mais a medida que nos imos achegando a desembocadura o mar vaise axitando, un par de olas nos balancean, por sorte somos capaces de manter o equilibrio. Preto do portiño, as ondas son excesivamente grandes para a piragua, ademais para entrar as recibiríamos de lado. Vemos como saltan as olas sobre unha motora que está entrando e desistimos de facelo nós. Optamos por dirixirnos a  rampla que hai despois da dársena, xusto antes do porto, as olas son algo menores e ademais as recibiremos por proa. Aproveitamos unha delas e remamos forte para evitar que a piragua se torza, se isto sucedese desviraríamos e nos tiraría contra o cemento, mellor non pensalo. A manobra sae ben e quedamos varados na rampla, baixamos inmediatamente antes de que veña un novo tombo. Damos por rematado o día e ímonos a cear con Maruxa a Ribadeo, mañá debemos remontar o Eo.  

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s