18- TAMBRE e TINES (2ªexp.)

.

.

MilRios_Tambre2

.

.

.

BITÁCORA 

  • Data                                         9 / VI / 2013

  • Tempo                                     Nubrado

  • Distancia percorrida         21,8 millas

  • Duración                               7h 32 m.

  • Velocidade media               2,9 nos.

  • Velocidade máxima            5,4 nós

Saímos do porto de Muros, ás nosas costas os seus soportais e as súas rúas de suxestivos nomes. Omar está coma un prato, a luz parece boa e a temperatura agradábel. A babor a que foi a conserveira de Sel e o Muíño de Mareas, no que a principios do século XX estiveron instalados os Baños Santa Rita, que empregaban as propiedades terapéuticas das algas. Inmediatamente podemos ver na costa os restos de diferentes conserveiras e salga. Cóntanos a filla do propietario dunha delas que na década dos sesenta do século pasado había en Muros cinco conserveiras. As conserveiras e as fábricas de salga estaban nos lugares máis resgardados da costa, espazos que hoxe poderían ter un grande potencial turístico, con todo moitas desapareceron, outras están en ruínas e poucas foron restauradas.

Por proa divisamos un importante número de bateas, que nos lembran a escuadra fondeada na ría fotografada por Juan Malvárez a mediados do século pasado. Pasamos polo medio dela sen entrar na enseada de Bornalle. Nela naufragou, segundo nos informa L. Redonda, o buque inglés Sovegan, en 1901 e, trinta anos despois, outro de Muros, perecendo tres mariñeiros. Navegamos de punta a punta, a expedición pode ser longa.

Chegamos a Esteiro, onde desemboca o río Maior que, en marea baixa, practicamente desaparece. Aquí segue a traballar unha conserveira pertencente ao grupo Calvo. Na saída da enseada, a Illa de Creba, de reducidas dimensión e moi próxima á costa. É propiedade privada e nela construíron un chalé e un embarcadoiro. O mar xa non está tan plano como cando saímos. Aínda que non é problemático, debemos navegar con certa atención cando atallamos dunha punta a outra. Un dos tripulantes está desfalecido pola fame, cústalle remar a bo ritmo e iso aféctalle ao humor.

Na entrada ao Freixo, sobre o mar, as instalacións do que foi unha serra e, ao seu carón, a carpintería de ribeira que aínda segue a traballar. No porto estaleiros, xa non de embarcacións de madeira. Baixamos da piragua para cambiar a roupa e tomamos uns berberechos e unhas voandeiras, zamburiñas que teñen unha pequena diferenza na cuncha e que a señora do bar define como específicas do lugar. Estaban moi boas. Non nos atrevemos coas ostras, un contratempo gastronómico sería fatal para a navegación en piragua.

Retomamos a viaxe con moito mellor ánimo. Na entrada a Noia, de onde sairamos na expedición anterior, pasamos á beira dun home que está pescando nunha chalana. O trato cos afeccionados á pesca no mar é moi diferente ao dos de río. Iso si, cando preguntamos como vai a pesca nunca contestan que ben.

Vemos por proa a grande ponte sobre río Tines, e logo a do Tambre baixo a que pasamos. Con tanta ponte parece incríbel que, hai décadas, a comunicación entre Muros e Noia se realizase por mar.

Os xuncos das beiras, vistos dende a piragua, semellan inmensos, e segundo a época varia o seu aspecto. Pasado Ponte Nafonso, metémonos por un estreito ramal da marxe dereita da xunqueira que, ao pouco, nos devolve ao río. O Tambre bifurcase e un pouco desconcertados, en canto a estrutura do río, continuamos pola dereita.

A paisaxe aberta das xunqueiras mudou, agora, aínda que o río segue a ser ancho, as árbores pechan a paisaxe. Nas beiras, o arboredo propio dos ríos e nun segundo plano eucaliptos, que se enmarañan cos postes eléctricos. Chegamos á central eléctrica construída por Palacios, semella unha igrexa con elementos románicos e barrocos, como as moitas que hai no noso territorio rural. Esta vez non sae auga polas comportas, seguimos e pasamos baixo unha ponte colgante. Un pescador dinos que a el non lle importa que naveguemos por aquí, pero que nos poden multar –a versión civilizada da prohibición–. O río estreitase e redúcese o caudal, sorteamos varios petóns, pero de seguida faise imposíbel. Podemos subir moi pouco máis que o ano pasado. Ao regresar atopamos un grupo de mozos que soben en varios kayaks, avisámolos de que teñan coidado cos petóns e contámoslle o que nos dixo o pescador. Respóstannos cun fulminante: “Puta privatización”. Despedímonos deles que seguen a remontar o río.

Ao descender, comprendemos que a bifurcación era producida por unha illa, que agora bordeamos polo outro lado. É un espazo moi atractivo.

Un pouco antes de Ponte Nafonso, collemos un afluente, o Río Donas, moito máis estreito que o Tambre e con moito menos caudal. Debemos ir sorteando as árbores que tupen o río, e un muro, probabelmente dunha pesqueira, que deixa un estreito burato polo que pasamos. Chegamos a unha área de descanso na que non hai ninguén, non está o tempo apropiado, e pouco despois a navegación, xa complicada no último tramo, faise imposíbel. Volvemos ao Tambre e recuperamos o espazo aberto. Na desembocadura iniciamos a subida polo Río Tines.

O río anchease considerabelmente, dando lugar a unha grande xunqueira cun ensarillado de canais. Metémonos por varios deles, mais non topamos saída e temos que volver, pasando entre postes de electricidade de madeira. Na Serra de Outes navegamos paralelos ao paseo, superando unha pequena presa, ata que xa resulta imposíbel. O paseo está máis alto e non resulta fácil subir, un vello axúdanos dándonos a man dende arriba, agradecémosllo con certo medo a que caia.

 

.

Deixar un comentario