27- MAIOR e MERA

 

.

.

.

BITÁCORA

Data                                21 / IX / 2013

Tempo                             Nubrado.

Distancia                        6,43 millas   

Duración                         2h. 10m.                                                          

Velocidade media         2,9  nós

Velocidade máxima     6,5 nós

 

Escollemos como punto de partida Ortigueira, e non a boca da ría como acostumamos, porque hoxe  queremos remontar tamén o Masma. É a primeira vez que navegamos en dúas rías distintas o mesmo día,  isto queda lonxe de Vigo e debemos aproveitar a fin de semana.

    O mar está como un prato e a marea a medio baixar, o que nos permite navegar sen excesiva atención. Como nesta ría desembocan dous ríos, dirixímonos primeiro ao río Maior, o que está máis preto da vila. Ao chegar á ponte de pedra, de só dous ollos, que marca o inicio do río, atopámonos cunha gran corrente que impide o paso, ademais os muros da ponte fan que sexa imposíbel pasalo andando. Non o lamentamos moito porque, segundo as informacións que nos deron o día anterior, o río é moi pequeno, a pesar do seu nome, e practicamente non ten percorrido para navegar.

Dirixímonos ao Mera, procurando non achegarnos moito á beira de babor para evitar varar. A luz é moi interesante, e as raiolas que se colan entre as nubes fannos lembrar as habituais representacións pictóricas do Xénese. Entramos na enseada do Mera e debemos ir buscando a canle de acceso para non quedar varados. Antes de chegar á ponte, unha casa doente preside maxestosa a entrada. Buscamos os regatos onde a piragua flota, pero de seguida vólvese imposíbel, debemos dar volta cando aínda non chegamos ás catro millas. De regreso metémonos por un regato que hai a babor, e só podemos navegar douscentos metros, a marea baixou e a beira converteuse nun lameiro gris que se eleva sobre o plano do río, unha paisaxe insólita que ata agora non tiñamos visto.

Imos directos ao porto de Ortigueira, seguindo unha canle na que hai suficiente profundidade, o lugar por onde viñemos, na desembocadura do río Maior, agora está ao descuberto e sería imposíbel de navegar.

Ao achegármonos a Ortigueira chama a atención a barreira de edificios que bordea a ría e que rompen coa beleza natural do espazo. Unha parella pesca nunha chalana, e cando lle preguntamos se pican, contestan para variar: “nada”.

Non podemos dirixirnos ao punto de saída por falta de calado  e debemos facelo uns metros máis abaixo. Desembarcamos, cambiamos a roupa e dirixímonos por estrada a desembocadura do Masma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s