Saímos da pequena cala situada fronte a praia de Lires. O entorno é abraiante, ben o saben os surfeiros que adoitan vir a este lugar. Baixamos a piragua da baca mentres vemos como rompen as ondas no areal. O seu contorno verde está ben iluminado polo sol frontal da tardiña. A marea está a subir, mais aínda a forza do río é maior que a da marea, polo que nos custa remontar na entrada. Cambiamos constantemente a dirección, buscando calado e onde parece haber menos corrente, quedamos varados un par de veces e lévanos tempo percorrer esta canle dos inicios, a pesar de que ten pouca lonxitude. Chegamos a onde o río se anchea e adquire profundidade, a auga está tranquila e podemos vogar sen problema. De fronte a piscifactoría, que desentoa nesta paraxe. Seguimos a esquerda polo río Castro, deseguida entramos nun espazo sombrío con petóns, baixamos para sortear os primeiros, pero moi pronto a navegación se fai imposíbel. Damos volta e ao regresarmos á piscifactoría, onde o río se anchea, tiramos polo río da esquerda. Un pescador dende a beira bérranos: “era o que faltaba”. O río é ancho, máis, aínda que a marea subiu, é moi pouco profundo e non podemos navegar, damos volta. Na canle de saída debemos de volver a vogar duro, agora pode máis a marea que o río. Onde se atopa o río co mar hai ondas, chegamos até elas, temos medo desvirar ao dar volta, lográmolo e volvemos a cala da que sairamos. No alto, unha baiuca cunha boa vista. Poderiamos ver a caída do sol sobre o mar, mentres tomamos unha tortilla ou polbo con ameixas, pero estamos en setembro e a estas horas vai frío no exterior. Imos cear a Corcubión.