Saímos da praia de Ver e, na primeira punta que debemos pasar, observamos como rompen as ondas. Navegamos atentos e con certa velocidade, sobre 4 ou 5 nós, ata chegar á segunda punta, na que o mar xa non rompe igual. Divisamos, por proa, a praia de Cabanas, á súa esquerda, na boca da río, a ponte do ferrocarril, que non ten máis de100 metros de lonxitude. Cando chegamos a ela o mar está plano.
Na ponte da estrada de Ferrol hai moita corrente e arrástranos cara un piar. Debemos remar con forza para non bater. Pasada a ponte, a navegación resulta cómoda e, como a marea está subindo, a corrente xoga ao noso favor: superamos os 5 nós sen gran esforzo.
Recibimos unha chamada, no teléfono somerxíbel, que incorporamos hoxe ao equipo, que nos informa da existencia dun restaurante na beira do río, no que ao parecer cómese moi ben. Non estabamos pensando en comer, pero a chamada ábrenos novos horizontes.
A paisaxe vai mudando, a natureza colle máis presenza, e a 1 milla da ponte da autoestrada entramos nun arboredo. É un gusto navegar por medio del. Deixamos por estribor o centro de interpretación e o restaurante: bonito lugar.
Aparecen carteis coa frase “prohibido navegar”, supoñemos que se referiren aos motores. A nosa embarcación non causa ningún estrago no medio ambiente. Seguemos adiante, sacando algunhas fotos coa cámara do móbil, sen ningunha pretensión. Ata agora, nas outras viaxes, non tiñamos tirado ningunha. Pouco despois vólvese imposíbel o avance e damos volta. Paramos no restaurante. A beira está máis alta que o río, polo que non é moi doado subir. Un tripulante ponse a facer brincadeiras e acaba na auga.
Cambiamos a roupa e sentamos no restaurante. A carta ten boa pinta, polo que decidimos deixar as latas para outra ocasión. Só temos un billete de 50 euros, que levamos por se temos que volver en taxi. Axustamos o menú: non dá para sobremesa. Os pratos merecen un bo pan, así que decidímonos sacar o bolo de Sardiñeiro que levamos. Ao camareiro vánselle os ollos ao noso pan, polo que lle propoñemos cambiar pan por sobremesa. Acepta e tráenos cafés de regalo. Cando nos vén servir, trae a barba chea de migas.
Embarcamos de novo, e navegamos coa marea baixando. É máis cómodo, pero non ten o encanto da novidade: a sorpresa de descubrir o que hai despois de cada curva.
Durante toda a navegación imos falando das posibilidades que ofrecen as gráficas dos percorridos. A idea róldanos dende que vimos o trazado do Tambre.
Ao pasar a ponte da autoestrada, chámanos a atención unha construción en ruínas que hai na beira dereita: imos ata alí. Na orela contraria hai un pequeno afluente moi porco, por sorte só podemos navegar nel uns metros.
A marea baixou considerabelmente e debemos de facer algún zig zag para atopar unha ruta con calado suficiente. Regresamos a Ver e, cando xa nos encontramos no areal, a punto de desembarcar, as ondas tómbannos: un baño de despedida.