.
…….
BITÁCORA
-
Data 1 4/ 04/ 2013
-
Tempo Sol. Chuvia
-
Distancia percorrida 13,5 millas
-
Duración 5h. 48m.
-
Velocidade media 2,33 nós
-
Velocidade máxima 4,6 nós
Saímos de Carril cun día soleado. Fóra da ría o vento tiña eixadas de vinte e tantos nós e as ondas unha lonxitude de 3 m, con prognóstico de 4 m.
A cantidade de chuvia que ten caído este ano fai que o río traia moitísima auga e que ademais sexa de cor chocolate. Encontramos as augas relativamente tranquilas, ata que saímos da zona dos elementos de marcación do marisqueo. A partir deste tramo, aparecen ondas considerábeis con rizos brancos. Veñen por popa. Xogan ao noso favor, a piragua sube e baixa: resulta divertido. Hai que ter coidado de que a piragua non se torza, algo que ás veces non é doado lograr. O vento de costas empúrranos e ao tripulante de popa resúltalle difícil escoitar o proel. Parece que imos a moita velocidade pero non chegamos a superar os 4,6 nós, debido ao caudal do río.
Percorridas 5 millas, cruzamos o río para tirar unhas fotos. Ao non recibir as ondas de popa a navegación complícase. Éntranos unha onda por babor e molla o proel, pero non pasa de aí.
Baixamos nun areal da beira dereita, para regular ben os cabos do temón. Volvemos desembarcar, pero, como seguen sen funcionar correctamente, decidimos varar a piragua de novo. Agora, en vez de area, o fondo é de lodo: as pernas afúndense ata os xeonllos. Buscamos outro sitio, pero como non o topamos decidimos volver baixar. Unha manobra mal feita dá lugar a que a piragua desvire e acabamos deitados no lodo. Vaia noxo. Aquí a auga non é marrón: é negra.
Para achegarnos ás Torres de Catoira debemos cruzar novamente. Como o río é máis estreito dá a impresión de que resulta máis fácil. Non é así, unha onda case nos fai dar volta e outra éntranos por estribor. A partir de aquí procuramos ir preto da beira e xa non temos problemas, aínda que hai que remar con forza. Pouco antes de Pontecesures metémonos uns metros nun afluente. Que tranquilidade.
Regresamos ao Ulla e entramos en Pontecesures. Remamos con intensidade e practicamente non avanzamos. Na curva en fronte a FINSA, pensamos que non imos ser capaces de seguir adiante. Ao final chegamos á ponte e intentamos pasar por un dos ollos do medio. A corrente é moi forte e ponnos transversais. Remamos rapidamente para poñernos a favor da corrente e evitar problemas. Volvemos intentalo de novo no arco contiguo. Collemos folgos e remamos todo o forte que podemos. Cando estamos baixo a ponte e a proa saíndo, a corrente é tan forte que nos vira e nos fai bater contra un piar. Notamos certa inestabilidade, pero logramos controlar a situación sen caer nos remuíños. Decidimos cambiar de estratexia e intentalo polo ollo que está máis preto de terra. Non se cumpriu o de que á terceira vai a vencida. Precisamos un cuarto intento, pero ao final conseguímolo.
Ao pasar a ponte, diminúe a corrente e ao entrar na canle que bordea Padrón navegamos sen problema. Esta canle é de recente construción e evita as inundacións que antes eran frecuentes. Chegamos á presa que hai na entrada ao Sar. Esta vez non podemos desembarcar e cruzala, como fixemos o ano pasado. Hai corrente e o río está moi crecido. Temos que volver a Pontecesures. Empeza a chover e non podemos saír da canle, os muros son moi altos e non hai ramplas. Agora, a favor da corrente non hai problema. Queda para outro día a navegación polo Sar.
Baixamos en Pontecesures, onde deixaramos un coche para volver, pero como esquecemos traer as chaves, tivemos que baixar en taxi. Cousas da vida. Como tamén esquecemos a carteira, non podemos tomar un café quente, a pesar de estar tremendo de frío.
Unha navegación moi diferente á do ano pasado, na que ademais de chegar a Herbón, regresamos a Carril na piragua. O dobre de millas en case o mesmo tempo.
,..
.
CONTINUACIÓN. SAR
.
BITÁCORA
-
Data 7 / 06 / 2013
-
Tempo Nubrado e choiva
-
Distancia percorrida 6,26 millas
-
Duración 2h 44m.
-
Velocidade media 2,27 nós
-
Velocidade máxima 5,89 nós
É a primeira expedición que fragmentamos en dúas xornadas. Saímos de Pontecesures descendendo o Ulla e de inmediato comeza a choiva miúda. Na entrada do Sar, uns pescadores incrépannos, berrándonos: “Non vos chega o Ulla?”. Seguimos adiante e sorpréndenos a beleza do río, o percorrido do ano pasado non nos deixara unha especial lembranza. Nunca hai dúas visións iguais.
Debemos remar con forza para pasar algúns rápidos e sentímonos optimistas en canto ao control da piragua. Intercambiamos algunhas palabras cos pescadores que nos imos topando. Cada vez a navegación é máis complicada. Chegamos ao pé dunha zona con moi pouca profundidade e unha importante corrente que fai imposíbel navegar. Cando estamos considerando a posibilidade de dar volta, escoitamos dende a parte superior a un pescador que nos berra malencarado “¡Fóra!”. Ao preguntarlle por que, respóndenos con malos modais, axitando o móbil: “Porque o digo eu”. Dadas as condicións do río, non paga a pena seguir discutindo. Os pescadores actúan como os donos do río.
Cando levamos percorridas case tres millas polo Sar, descendemos e metémonos pola canle con beiras de cemento que vai dar máis arriba de Pontecesures. Un panorama totalmente diferente ao de hai dous meses, saltamos a presa sen problemas e incluso quedamos varados nunha ocasión. Xa no Ulla, proseguimos a remontada e chegamos ás pesqueiras. A marea non está alta e hai moita corrente. Intentamos pasar polo espazo que deixan os anchos e altos muros de pedra, case o conseguimos pero véncenos a corrente e devólvenos cara atrás. O ano pasado non tiveramos problemas para cruzala, a marea estaba máis alta e o río traía menos auga. Intentámolo novamente, entramos de lado con velocidade, pero a corrente xíranos e desviramos. Non calamos, un dos tripulantes sae despedido e o outro queda agarrado a piragua, pero o chaleco desprázaselle, converténdose nunha careta que non o deixa respirar. Pasados os primeiros momentos de descontrol, xa os dous agarrados a piragua, intentamos levala á beira que está preto, cóstanos bastante. dtaPensamos que vai ser imposíbel, pero ao final conseguímolo. E criamos que dominabamos a piragua…
Mentres baleiramos a auga, vemos como un remuíño se traga un dos nosos chuvasqueiros. Vai fresco e tremamos de frío. Cambiámonos de roupa e tras recuperar un dos remos que a corrente levara douscentos metros río abaixo, regresamos a buscar o chuvasqueiro. Nin rastro, unha pena porque era unha boa prenda para as navegacións. Damos por finalizada a expedición e regresamos. Chámanos Olaia para dicir que lle deron o premio Merlín ao amigo Tone, a nova fai que esquezamos o chuvasqueiro. Tanto remar fainos entrar en calor, aínda así ao chegar a Pontecesures, un dos tripulantes ten as dedas dos pes e os centrais das mans insensíbeis e completamente brancos. Cargamos a piragua e dirixímonos a Sardiñeiro, mañá e pasado agárdannos outras expedicións.
Estas dous roteiros fluviais son os máis fermosos do mundo para min, porque son os da miña infancia, adolescencia, xuventude. E inda os percorro moi de vez en cando coa pirauga que agora teño de meu. Máis inda nunca fun quen de me embarcar coa miña cámara principal por medo de mollala. Prefiro levar unha Nikon AW100. Con tanto percance, como fas coa cámara de medio formato? Está sellada, usas algúnha caixa, tes algún truco que esteas disposto a partillar? Grazas!
Non me extraña que vos berraran os pescadores… Nesas datas o Sar está acotado. Sorte que non vos pillou o Seprona.
Ide con coidado, que no río ata os máis expertos teñen problemas ás veces…