Chegamos a Muxía ás nove da mañá. Son as festas da Barca, coches e tendas de campaña invaden o espazo, o que fai imposíbel saír do porto. Dirixímonos a praia de Espiñerido. Pasamos un control, e a piragua no teito do coche, líbranos novamente de ter que facer cola para soprar.
Sempre que saímos dunha praia con ondas, as dúas primeiras móllannos inevitabelmente, mais esta vez foi distinto, os tombos son maiores e acabamos mergullados coa piragua. Cando saímos a superficie, a piragua está practicamente chea de auga, é imposíbel seguir a ruta. Volver a praia tampouco é posíbel, as ondas voltearíannos se quixésemos virar. Decidimos ir a praia da Cruz, que está ao lado e é máis abrigada. Ao aproximarnos, un grupo de mozos, aos que lles costa manterse en pé, grítannos: “naúfragos”, e empezan a aplaudirnos, fainos tanta graza que nos despistamos e unha onda nos desvira. Chegamos á area, cambiamos a roupa por outra seca e volvemos a praia de Espiñerido cargando a Piragua polas rocas.
É imposíbel saír dende aquí. Subimos a piragua ao coche e dispómonos a buscar un lugar máis abrigado para volver a embarcar. En Merexo o mar está máis tranquilo pero na punta rompe, tamén desistimos. Hai demasiadas ondas para saír dende este lado da ría. Cando o vento sopra de nordés, coma hoxe, é imposíbel. Optamos por ir a Camariñas, e deixamos un dos coches en Ponte do Porto.
En Camariñas o mar está máis tranquilo e non hai problema para embarcar no porto. Ao deixar o abrigo, o mar xa aparece máis movido, achegámonos a dirección do vento para non recibilo tan de lado. Entramos na Enseada de Basa, dúas pequenas praias por barlovento e outra por sotavento. Tras vogar un anaco, cambiamos novamente de rumbo, agora recibimos as ondas case de popa, a navegación resulta máis doada, mais cando as ondas veñen de popa debemos ter coidado porque non as vemos chegar. Entramos no esteiro sen problema, non hai os movementos da auga que ás veces se produce nas desembocaduras. No río, o mar está calmo, vai sol, e en ambas ribeiras vemos praias practicamente desertas. A auga está transparente, vese o fondo ateigado de cunchas e moitas algas verdes das que descoñecemos o nome. A luz é moi dura e non serve para fotografar.
Metémonos polo Rego de Lamastredo, á beira do pazo Paxariña. Despois de navegar 1/4 de milla non se pode seguir, regresamos ao río Grande. Sete millas despois, vémonos obrigados a baixar da piragua porque un dos tripulantes ten molestias nas costas. Volvemos embarcar un pouco despois e deixamos a Illa Forno do Sapo por estribor. Desta vez pasamos de longo e non nos metemos polo muíño de mareas, pensamos facelo á volta. Chegamos á Ponte do Porto, unha vez pasada, metémonos por un regato estreito que hai a esquerda, navegamos o que se pode, 200 metros. O rego vólvese máis estreito que a piragua, recuamos uns metros até que, con dificultade, podemos dar volta e regresar ao río. Topamos deseguida un rápido, descendemos para superalo e embarcamos de novo, mais inmediatamente temos que baixar outra vez, volvemos subir e decatámonos de que imposíbel seguir navegando. Só puidemos ascender 300 metros máis que na expedición do ano pasado.
Volvemos a Ponte do Porto e desembarcamos, en principio para tomar algo e volver a Camariñas, mais como un dos tripulantes non se topa ben, decidimos dar por rematada a expedición. Temos un coche aquí pero decatámonos de que as chaves quedaron no outro coche, en Camariñas.. Non é a primeira vez que nos pasa. Xa nos sucedera en Pontecesures, cando remontamos o Ulla. Temos que regresar en taxi.