Saímos co día de Bouzas, á beira do centro onde dá clase un dos tripulantes. O mar está bastante tranquilo. Cada ría ten un perfil propio e o desta vén claramente marcado polos guindastres que nos lembran a importancia dos estaleiros na historia da cidade.
A navegación é doada. Ao ser sábado, non hai practicamente movemento, só os barcos do Morrazo. Sabemos que hai que ter coidado con eles. Hai uns anos meteron ao fondo o veleiro do Barbas de máis de 10 metros de eslora e de casualidade non houbo que lamentar desgrazas. Vemos a distancia o de Moaña. Cando se nos achegan as ondas metémoslle a proa. Ao achegarnos ao Náutico escoitamos a serea anunciando que vai saír o próximo barco, vogamos a presa para que non nos collan as ondas preto.
Vemos arroaces lonxe, procuramos achegarnos a eles pero cambian de lugar.
Chegamos ao estreito de Rande. Está vez a ponte non nos causa a mesma impresión que o ano pasado cando a cruzamos por primeira vez. Logo o mar convértese nun espello, non precisamos costear e enderezamos cara a Illa de San Simón. Unha paisaxe fermosa, con moita historia, primeiro lazareto e logo, no 36, cárcere. Agora é propiedade da Deputación e non está permitido desembarcar.
Despois dunha navegación plácida, chegamos a Pontesampaio. Como é a hora do xantar, facemos un descanso para tomar unhas croquetas que, segundo din, son de xamón. O lugar está moi concorrido. Hai unha regata de piraguas e chegan peregrinos cruzando a ponte vella que se encontra á beira do bar.
Ao embarcar de novo, uns nenos pregúntannos ata onde imos ir. Cando lles respondemos que “ata onde o río nos deixe”, eles replican con sorna: “Se o vello chega, claro”. Non sabiamos que levabamos un vello a bordo.
A diferenza da expedición pasada, o tempo é moi bo e resulta moi agradábel a navegación. Cando levamos percorridas 3 millas, a profundidade diminúe de súpeto radicalmente. O primeiro rápido somos capaces de subilo ao segundo intento, non sen dificultades. O seguinte xa non o intentamos porque non hai un calado mínimo. Desembarcamos e vemos que o río vai continuar así. Non hai nada que facer. Regresamos despois de levar navegadas 13 millas. Ao chegar de volta á praia de Cesantes, damos por finalizado o percorrido, xa sen batería en ningún dos móbiles que teñen GPS. Ao volver en taxi a recoller o coche, decatámonos de que aínda percorremos un bo treito. Rematamos a xornada diante dun prato de lumbrigante con arroz, en Teis.