20- SOR

.

.

MilRios_Sor

.

.

.

 BITÁCORA 

  • Data                                         23/ VI / 2013

  • Tempo                                     Sol e nubes

  • Distancia percorrida         11,6 millas

  • Duración                               5h 27 m.

  • Velocidade media               5,9 nos.

  • Velocidade máxima          2,1 nós

Saímos do porto de Bares, parece ser que de orixe romano aínda que se acostuma a decir que é fenicio, que resulta moi singular por estar constituído por bolos de pedra. Un home advírtenos de que hai mar. As dúas primeiras ondas xa nos mollan, como pasa sempre que se sae dunha praia con tombos, pero ao ir en perpendicular a eles desaparece o problema. Máis complicado resulta navegar en paralelo á praia, o mar está alporizado e hai que ir con moito tino. Sería un mal comezo empezar o día caendo. Na punta, rompe o mar e debemos de estremar a atención. Unha vez pasada, non tiramos recto á seguinte, arrombamos cara a praia de Vilella para evitar problemas. O mar amaina e entón cambiamos o rumbo cara a punta seguinte. No horizonte a illa da Coelleira, por estribor o faro Punta do Castro, e por babor a praia do Vicedo onde hai varias ringleiras de tombos rompendo. Na desembocadura do Sor o mar está como un prato.

Na boca do río, unha casa cunha gran galería, parece ocupar o mesmo lugar que noutras rías teñen os castelos. Xa no río pasamos polo bosque de piares das tres pontes. A marea está baixa e descubre o areal, configurando unha interesante paisaxe xeométrica. Ao pouco tempo, a falta de profundidade impide navegar, baixamos da piragua agardando que suba a marea e aproveitamos para beber e tomar uns froitos secos que hoxe traemos. A marea sube axiña, vinte minutos despois hai profundidade suficiente para proseguir. Unha boia na póla dunha árbore, semellando unha árbore de nadal, lembra que o nivel da auga aínda debe subir moito máis.

Como onte no Landro, lugares cos seus campos que semellan ser herbais. Mentres, desde o alto da montaña vixíanos un exercito de viraventos.

Debemos baixar varias veces da piragua por falta de calado, despois empezan a aparecer rápidos con abundante caudal e pedras no medio. Tras pasar un deles, arrastrando a piragua con dificultade, observamos que o panorama no cambia e decidimos dar volta. Navegamos ao regreso sen baixar da piragua, tendo coidado de esquivar as pedras nos rápidos. De repente vémonos rodeados de escuma, o río volveuse branco. A paisaxe é moi diferente á da subida, agora podemos bordear a Insua de San Martiño. Os areais asolagáronse. Tras pasar as pontes, o estado do mar é tamén moi diferente, ferve. No porto do Barqueiro hai ondas e aproveitando unha delas, desembarcamos na rampla tendo coidado de non voltear.

Damos por rematada a expedición sen a tradicional cea coa que lle pomos o ramo as navegacións. É o día anterior a san Xoán e cada un vai celebralo cos seus.

Deixar un comentario