31- EUME (2ªexp.)

 

.

 

BITÁCORA

Data                                    30 / XII / 2013

Tempo                               Nubrado e chuvia

Distancia percorrida       9,91 millas  

Duración                         3h. 40m.

Velocidade media            2,7 nós

Velocidade máxima         5,78 nós

A bonita praza do portiño de Redes anímanos a tomar un café nun pequeno bar. Hai moito silencio, a encargada e o seu único cliente, que polo cute de taberna que ten parece dos fixos, están moi atentos a un reality no televisor. Tomamos rápido o café e embarcamos. O mar está como un espello e a temperatura é de 8ºC, vimos abrigados e non hai problema.

Pasamos polo medio dos barcos fondeados e arrumbamos directamente á ponte do ferrocarril. Por babor quedan diferentes praias, Redes, Limodre, Chamoso… Todas elas baleiras. Na máis grande, a de Cabanas, un enorme bloque de pisos rompe a liña de piñeiros que bordea o areal. Tras a ponte do ferrocarril, pasamos a antiga que é de pedra, na que o ano pasado atopamos unha forte corrente. Esta vez, nin a máis mínima. Que diferentes resultan os mesmos lugares!

A marea sube pero aínda non é preamar, non se ve o fondo, o río baixa entoldado. Para non quedar varados, seguimos a uns piragüistas que parecen coñecer a canle pola que se pode navegar. No río a percepción do son é diferente, non hai ruídos en primeiro plano que desacouguen. Aquí os sons das estradas que vemos o lonxe se transforman nun colchón de graves que perde gran parte da súa ameaza. Imos pegados á ribeira norte e, ao cruzar a ponte da autoestrada, a paisaxe cambia, os bloques de estribor dan paso a unha serie de leiras de intenso verde. Chámanos a atención unha bonita casa na beira dereita onde unhas ovellas segan a herba.

A roupa empeza a sobrar, o abrigo da piragua e o exercicio fan que navegar en inverno non sexa ningún drama. Comentamos a innovación de colocar unha espuma nos asentos amarrada á francesa As árbores propias, das beiras dos ríos, xa perderon as follas. Os castiñeiros en cambio están preciosos, pero os que dominan son os eucaliptos.

Poalla por veces e molesta para tirar fotografías. Gozando das cores do mato, chegamos ata o centro de interpretación. Un cartel anuncia a prohibición de navegar, mais esta viaxe non nos coincide con tempo de veda, ademais temos entregados os papeis regulamentarios que permiten navegar. Seguimos adiante. Antes de percorrer unha milla, o río cambia, encontramos un rápido que non nos deixa seguir.

Baixamos da piragua facendo equilibrios para non mollar os pes, con este tempo navegar cos pes mollados pode ter consecuencias. Sacamos a piragua ata a beira, pensando en librar o rápido por terra. Como non o vemos doado, decidimos deixar a piragua e explorar o río primeiro dende a beira. Andamos un treito e observamos que os rápidos se suceden e que o río baixa con moita forza, é imposíbel remontalo. Non queda máis remedio que volver. Sentímonos decepcionados, pensábamos que nesta expedición poderíamos subir máis, grazas ao maior cadal o río. Encetamos unhas mazáns da casa e o seu sabor fainos esquecer un pouco a frustración, bebemos uns bos grolos de auga e iniciamos o retorno.

Ao baixar, unha vez superada a ponte da autoestrada, volvemos cruzala, pero esta vez para entrar no río Covés. Non se pode dicir que recenda. Aos poucos metros, un eucalipto impídenos seguir, debemos dar volta. Agora a marea está alta, hai calado para ir por onde escollamos. Unha vez que pasamos a ponte do ferrocarril, dirixímonos directamente a Redes. O mar xa non está tan plano como antes, hai que vogar con atención, estamos lonxe da costa e unha caída con esta temperatura amolaríanos bastante. Ao desembarcar, sentimos rapidamente o frío, cambiámonos e dirixímonos a Pontedeume para probar a costrada. Unha vez rematamos de xantar, regresamos a Vigo, un dos tripulantes quere ir a celebración do centenario do nacemento de Angel Ilarri.

 

 

Deixar un comentario