Saímos do porto de Muxía, non hai brisa pero si un certo movemento no mar. Esta ría é moito máis batida que a de Corcubión que navegamos onte.
Arrumbamos cara a punta do Corpiño de Chorente, deixando por estribor as praias da Cruz e de Espiñeirido, familiares para nós pola saída frustrada da expedición do ano pasado.
Ao pasar a punta, seguimos costeando. Unha vez rebasada a furna do Barro, e dado que disminuiron as ondas, cruzamos a enseada de Merexo, deixando por estribor a praia de Muiños e a piscifactoría. Na punta Sartaña, arrumbamos ao faro do Lago. Este areal acostuma a ser complicado para a piragua. Hai dous anos, desviramos aquí. Nesta ocasión as ondas entran por proa, non temos problema, imos máis a modo, pero máis estabeis.
Tras superar a praia de Leis, entramos na ría do Porto, a marea está baixa e aínda segue devalando. Vogamos pola ribeira de estribor, con corrente, marea e vento en contra. A falta de calado obríganos a virar a babor, mais a pesar diso quedamos varados. Baixamos da piragua e percibimos que a canle de entrada está na outra ribeira, arrastramos a piragua cara ela e embarcamos de novo, agora si hai calado. As augas están transparentes, mais como vai fresco non apetece probalas.
Pasamos diante do muíño de mareas de Cereixo, pero é imposíbel entrar nel pola marea. Seguimos, e cando chegamos á Ponte, a profundidade disminue considerabelmente, a corrente tira máis, e non hai calado para seguir. Debemos dar volta e aos poucos metros desembarcamos na rampla máis próxima, sen ter chegado á ponte.
É festa, a xente está ataviada para ocasión, e desentoamos coa nosa vestimenta. Sentamosnunha terraza para reparar forzas, e dannos de tapa unha sardiña cocida ás brasas. Despois de comprar o tradicional xelado, neste caso nunha carnicería, decidimos dar unha volta polo lugar, para darlle tempo á marea. Fronte a igrexa atopámonos cunha réplica en cemento da fonte dos leóns da Alhambra, mais antes de saír do asombro descubrimos que o céspede das árbores que a rodean é de plástico, sobre el uns croios para que o vento non o leve.
Iniciamos o retorno, tamén coa marea en contra, e ao chegar ao muíño, no que aínda non se pode entrar, decatámonos de que a un dos tripulantes lle quedou, ao pór o chaleque, a pucha na rampla. Volvemos recollela, e cando regresamos, xa se pode pasar ao outro lado do muíño. Que rápido sobe marea. Unha vez noutro lado é imposíbel seguir, a diferencia do ocorrido na primeiraexpedición.
Agora podemos bordear a illa Forno do Sapo pola beira norte, seguimos adiante e navegamos por riba dosmuros das parcelas de marisco, que agora xa non descubren.
Na boca do río a auga móvese, pensamos que unha vez que a deixemos atrás calmará, mais non é así, e a medida que nos aproximamos ao faro, van aumentando os tombos que recibimos por popa. A pesar do que poidan pensar os profanos, é a navegación máis perigosa, cada onda cámbianos o rumbo provocando inestabilidade, debemos permanecer moi atentos para endereitalo inmediatamente e que non nos poña de lado. Pasamos a praia con moita cautela, vogando forte e no extremo embarrancamos, coa maior velocidade que podemos, para evitar que nos desvire. Un baño non sería agradábel.
Entramos no río do Lago, que a pesar de ser estreito, permítenos navegar media milla, asárbores que o cruzan obrígannos a desembarcar, unha vez na subida, e a ter que realizar forzados escorzos para pasar. De volta na praia, decidimos dar por rematada a expedición. De seguir a Muxía recibiríamos as ondas de lado e non merece a pena.