01-ANLLÓNS

BITÁCORA

  • Data                                    17 / V / 2011

  • Tempo                               Soleado

  • Distancia percorrida       Sen datos   

  • Duración                         Sen datos

  • Velocidade media            Sen datos

  • Velocidade máxima         Sen datos

Decidimos comezar o proxecto Mil Rios o 17 de maio, escollendo como primeira corrente a remontar a do  Anllóns e a vila de Ponteceso como lugar de partida. Non temos idea do traxecto no que o río é navegábel nin do tempo que nos pode levar.

 Ao saír de tomar o café previo, decatámonos de que o nome do bar é Rosalía, de que estamos ao lado da casa de Pondal e de que é o Día das Letras Galegas. A escolla do lugar obedecía á proximidade con Sardiñeiro, onde tiñamos a piragua. A do día, simplemente a que é festivo. Coincidencias que, sen ser buscadas, semellan un bo presaxio.

O café previo tiña como obxecto obter información. As informacións de bar non son moi fiábeis, pero permiten coñecer as diferentes formas nas que a xente da zona percibe o río. Gustamos deste tipo de informacións. Durante o traxecto, resulta divertido ir cotexándoas coas percepcións que nós mesmos imos obtendo, que non son menos subxectivas.

 A tripulación non está moi compenetrada e ao subir á piragua desviramos. Hai pouco calado e o lodo non resulta moi agradábel.

O río trae bastante auga. Decatámonos do difícil que é vogar contra corrente nos rápidos, aínda que non sexan de grandes dimensións. A pericia é pouca, e desviramos varias veces máis, comprobando o fría que está a auga.

 En ocasións, a forza da corrente non nós permite avanzar remando e temos que facelo agarrándonos aos arbustos das beiras. Outras veces, chega con dar a volta e facer un segundo intento con máis velocidade inicial.

Ao saír da auga despois de voltear, a Fran dálle un ataque de risa. Sendón, totalmente sorprendido, non entende o que pasa. Non se decata de que, na caída, perdeu un cristal das gafas de sol. Semella un pirata.

Subimos até onde o río nos permite. Ao regresar somos conscientes da importancia  da corrente: onde antes víamos un rápido, agora vemos augas case calmas.

 Dúas horas e media despois da saída estamos de volta en Ponteceso. Cambiamos a roupa mollada por outra que levamos na bolsa estanca. Damos conta dun par de latas, acompañadas de cervexa e reiniciamos a viaxe, río abaixo.

 As xunqueiras non nos permiten percibir claramente o leito da corrente. Entramos nun brazo de auga moi bonito, pero sen saída. Nese momento somos conscientes do diferente que é a percepción do río, e do territorio en xeral, cando se está no seu mesmo plano.

 Chegamos a Barra, unha lingua de area de considerábeis dimensións que entra na auga, marcando onde morre o río e comeza o océano. Tras bordeala polo interior, percorrémola polo mar. O vento e as ondas crean inestabilidade. Se desviramos non hai problema para chegar a nado á praia, mais corremos o risco de perder a piragua, porque non leva flotadores no interior. A solución é remar con forza e así evitar as oscilacións.

 Deixamos a praia atrás e pasamos entre as rochas da costa e a Illa dos Cagallóns. Vemos romper o mar preto e a piragua segue movéndose. Cando chegamos ao areal da Balarés sentimos alivio e decidimos darnos un baño.

 En Balarés, a parte de dúas praias moi xeitosas, está o peirao, onde os nazis embarcaban volframio con destino a Alemaña, para a produción de tanques e obuses. A antiga construción foi convertida nunha cafetería-restaurante, moi ben integrada no territorio, na que é un autentico pracer sentar e descansar un pouco.

 Desde Balarés cruzamos ao porto de Corme, navegando preto das bateas. As únicas bateas que hai na Costa da Morte, se a memoria non nos falla.

 En Corme desembarcamos e agardamos a ter enxoitos os traxes de baño, antes de  chamar a un taxi que nos leve de volta a Ponteceso, onde deixamos o coche.

 Despois de recoller a piragua en Corme, dirixímonos a Paradela, onde hai unha casa de comidas que prepara moi ben a carne asada e acostuma a ter sobremesas caseiras. Acabárase todo a mediodía, non hai nada para cear. Fomos cear a casa Lestón, en Sardiñeiro, que é un lugar seguro.

 

Deixar un comentario