Saímos da Praia dos Muiños da Guarda, en fronte de Camiña. No horizonte, presidindo a desembocadura do Miño, a insua de Santo Isidro, co faro no Forte da Insua. O río está plano, mais aquí hai algunhas ondas que nos esixen ter coidado. A marea sube e contrarresta a forza do río. A luz é especialmente boa e dálle certa maxia á paisaxe. O vento pega de cara, está fresco e ponnos máis activos. Deseguida pasamos por Camposancos, onde se encontra o colexio dos xesuítas que, despois do 36, o novo goberno converteu en campo de concentración.
A babor, moi pegadas a terra, as illas da Xunqueira e as Morraceiras. Pouco despois, deixamos por estribor a Ilha da Bodega, poboada de árbores. Desapareceu a remuiñada que había na desembocadura, a auga está tan escura que parece un espello.
O Miño é totalmente diferente a todos os ríos que levamos navegado, non estamos afeitos a un leito tan ancho, sentímonos coma se estivésemos a navegar no río dunha película.
Deixamos Goián por babor e Vilanova da Cerdeira por estribor. Cando levamos sete millas, atopámonos coa ponte da autoestrada, que non é nada fea. Deixamos a babor unha illa alongada, poboada de árbores, que incita a baixar. Non o facemos porque o percorrido que nos queda e longo e a estas alturas do ano os días deveceron. Cando levamos navegadas catorce millas, chegamos a ponte Internacional en Tui, ata hai poucos anos todo o tránsito entre Pontevedra a Portugal realizábase por aquí. A ponte, símbolo da modernidade, cando se inaugurou en 1886, foi construída por Pelayo Mancebo de Ágreda e non por Eiffel como moita xente pensa.
En Tui desembarcamos para saudar a nosa amiga Cris Rodríguez. Levamos catro horas navegando e un descanso non vén mal.
A partir de Tui, xa non afectan as mareas. A única forza que actúa é a corrente do río, pero superámola sen problema. Nunca pensaramos que fora tan pracenteiro vogar baixo un ballón, o malo é que non se poden tirar fotografías.
Despois de deixar atrás a Insua Grande atopámonos, á altura de Largo da Bouça, cuns fermosos petóns que provocan un estreitamento do río. A auga baixa con forza, cústanos superar a corrente. Dúas millas máis adiante, volvémonos atopar cunha forte corrente, tras varios intentos, o máximo que logramos, vogando con todas as nosas forzas, é neutralizala e quedar no mesmo sitio, resulta desesperante, e ao cabo dun tempo o río véncenos de novo. É imposíbel dar volta, navegamos para atrás ata alcanzar a beira, desembarcamos e arrastramos a piragua uns metros. Embarcamos de novo e catro horas despois de saír de Tui, sen que parase de chover, pasamos baixo a ponte que une Salvaterra con Monçao e seguimos río arriba algo máis de unha milla. Parécenos que aínda poderiamos seguir bastante máis, pero a luz xa baixou considerabelmente, vai caendo a tarde. Decidimos dar volta e deixar a piragua en Salvaterra para proseguir a expedición dentro de un par de días. Desembarcamos, no lugar de onde saía o transbordador, que a ponte fixo desaparecer, como todas os demais que había no río.
Ao cabo de cinco días volvemos e saímos de Salvaterra. O río baixa con moitísimo cadal, deberon abrir as comportas do encoro. Nada que ver co outro día, agás no que respecta á choiva. Costa moito avanzar e debemos ir buscando o lugar onde haxa menos corrente. Temos que ir moi pegados á beira portuguesa e en ocasións agatuñar polos xuncos e polos arbustos. Nin con esas, vólvese imposíbel avanzar e debemos dar volta cando non levamos recorridas nin dúas millas. Tiramos algunha foto pero, como non parou de chover, resulta complicado. O outro día, estragáronsenos moitas no último tramo. Volvemos falar do que resiste a cámara, se fose dixital hai tempo que tería perecido.