21-MANDEO (2ªexp.)

.

MilRios_Mandeo-Mendo1

.

.

BITÁCORA 

  • Data                                         26/ VI / 2013

  • Tempo                                     Sol

  • Distancia percorrida         11,6 millas

  • Duración                               7h 13 m.

  • Velocidade media            2,32 nós.

  • Velocidade máxima        5,06 nós

Saímos da Ponte do Pedrido, pero antes, para darlle tempo á marea, entramos nunha baiuca en Gandarío e tomamos o que o camareiro definiu como “tapas sen parangón”, mágoa que non as houbese con parangón. A marea non está chea e hai que ir percorrendo as curvas que nos marca o río. De seguida vemos as embarcacións que están todo o ano a agardar pola festa dos Caneiros, Betanzos está saturado delas. Lémbrannos as paisaxes asiáticas con casas flotantes. Se hai algo que define a este río son os Caneiros e estes comedores como palafitas na auga, de aparencia bastante lumpen. Pasado Betanzos, vemos un grupo numeroso comendo abordo dunha enorme embarcación e coa música a todo volume.

Lembramos as fotografías impresionistas que nos anos cincuenta do século pasado realizou neste río Veiga Roel. Nos Caneiros, as ringleiras de árbores e as raiolas que se colan entre as ramas configuran paisaxes case máxicas. Non embargante, a impresión da primeira expedición fora tan forte que esta de hoxe sábenos a pouco. Unha vez máis pensamos que un lugar nunca se ve dúas veces da mesma maneira.

Navegamos superando diferentes escollos e desembarcando cando non é posíbel avanzar. Nun destes desembarcos bebemos a cervexa que atoparamos baixo auga, pousada no alerón exterior dunha das embarcacións. Danos a vida, é o único líquido que levamos abordo. Cada vez resulta máis complicada a navegación. Un pescador advírtenos de que non podemos seguir, non só pola dificultade senón porque está reservado para a pesca. Usando a información que nos deran na baiuca antes de saír, contestámoslle que “xa non se pode pescar troita nin salmón”. El replícanos: “pero si reo”. Estamos nas mesmas de sempre, menos mal que o río xa non dá de si. Ao descender, nos Caneiros, a embarcación que víramos á subida está xa atracada, os pasaxeiros desembarcaron e danlle unha nota de cor e ruído, ao que antes era unha paisaxe marcada polo verde e o silencio. Chegan ademais dúas motos de auga, montando un gran balbordo. Parécenos absurdo que as piraguas non podan navegar e, unha milla máis abaixo, podan facelo estes artefactos a motor.

A paisaxe de Betanzos lémbranos máis unha vez a burbulla da construción. Bordeamos a vila entrando no Mendo. A mestura de natureza e cemento é moi forte. A pesares de que o río se estreita axiña, ao estar a marea chea, podemos remontalo ata máis arriba que na anterior expedición. O lavadoiro público –unha construción moi interesante– está cuberto pola marea e permítenos navegar dentro del por riba dos pilóns, unha experiencia estraña.

Ao regresar ao Mandeo, proseguimos o descenso. Agora, como a marea está chea, podemos navegar escollendo a ruta, sen ter que seguir os meandros da subida. Metémonos un par de veces polas canles que forman as xunqueiras, mais non teñen saída e rematamos dando volta e volvendo ao río.

Chegamos á Ponte do Pedrido cando se está a facer noite, e imos as Casillas a repetir o menú da outra expedición, caldo e tortilla.

Deixar un comentario