03-TAMBRE E TINES

.
.
MilRios.Tambre
..
.
.

BITÁCORA 

  • Data                                      24 / V / 2012
  • Tempo                                  Chuvia 
  • Distancia percorrida        14 millas 
  • Duración                              5h. 40m.
  • Velocidade media             2,5 nós
  • Velocidade máxima          4,9 nós

Tras as dúas navegadas do ano pasado, retomamos o proxecto. Saímos de Noia co ceo cuberto e con prognóstico de choiva. A marea baixa obriga a que nos afastemos da costa para liberar o muro de pedras, que crea a canle de entrada en Noia.

Navegamos rumbo a boca do río Tines. Cando vemos a do Tambre, viramos a dereita, e dirixímonos a ela. Libramos a estribor unha punta que na carta parece a cabeza dunha vaca. Entramos no Tambre, pasando baixo a xigantesca ponte da estrada Muros-Noia. Chegamos a Ponte Nafonso, onde, en 1929, Caamaño fotografou os gaiteiros Os Beiros subidos nun precario palco.

Esta é a primeira expedición na que levamos GPS. Danos ánimos oír cantar as millas e desánimos cando tarda en facelo. Decatámonos de que a percepción da distancia e do tempo é moi distinta no mar que no río: no río flúe máis rápido.

Chegamos á Central Hidroeléctrica do Tambre. O edificio, construído por Palacios, éranos coñecido grazas ás imaxes que o fotógrafo muradán Malvárez realizou en 1925, cando se inaugurou. Sae un caudal considerábel. Debemos pasar con moito coidado, remando forte pola beira contraria. Impresiona ver a caída de tanta auga e con tanta forza preto de un.

Desembarcamos ao pé da central e comemos a toda presa baixo dunha árbore que nos ampara un pouco da choiva. Precisamos entrar en calor. Imos tomar un café ao restaurante que hai ao pé da central, onde nos reciben con amabilidade. Iamos mollados e, como as cadeiras son de coiro, deixamos as nosas marcas.

Tan pronto escampa, volvemos ao río, pero só nos é posíbel navegar uns poucos metros. Damos volta e, ao descender, metémonos por un afluente que topamos á dereita: o río Donas. Navegamos o que podemos, mentres un espantallo nos observa desde a beira.

Ao saír do Tambre, pasamos novamente baixo a ponte, viramos a dereita e entramos no río Tines. A auga está como un prato. Estamos xa na Serra de Outes, á esquerda o paseo do Peirao e logo, á dereita, unha alameda. Á fronte unha freixa impídenos seguir navegando. Damos a viaxe por finalizada.

O problema agora é saír da piragua, as beiras son bastante altas. Leva un tempo chovendo, estamos enchoupados e descubrimos o difícil que é mexar dende a embarcación, sen caer a auga. Cústanos atopar un lugar onde a beira resulte accesíbel: ao fin, damos saído gabeando por unha árbore. Con esforzo subimos á piragua e cargamos con ela polo paseo até chegar á Casa do Concello onde a deixamos.

Trememos de frío. Cambiamos os traxes de baño e as camisetas e imos até a parada de taxis. Non hai ningún. Agardamos bastante tempo sen éxito. Por fin, poñémonos a facer autostop, en bañador, cos chalecos e de noite. Por suposto, ninguén para. Despois de varias chamadas, logramos que veñan buscarnos. Máis tarde, volvemos a recoller a piragua e regresamos a Noia a cear. Antes de sentar no restaurante preguntamos se teñen caldo, condición necesaria para que fiquemos. É sabedeiro e ademais consegue que entremos en calor. Logo, un peixiño e unha torta.

Durante a cea, observamos no móbil o trazado da viaxe, quedamos sorprendidos e empezamos a pensar nas posibilidades que nos pode ofrecer.

Logo cada un para a súa casa: Fran para Aldán e Sendón para Sardiñeiro. A piragua cambia de morada, a partir deste momento vaise para Aldán.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s