26- BALEO

BITÁCORA

Data                                   20 / IX / 2013

Tempo                                 Soleado

Distancia percorrida       4,3 millas   

Duración                           1h 52m.                                                           

Velocidade media           2,3 nós

Velocidade máxima      5,3 nós

Embarcamos no río Baleo, coa intención de chegar a Ortigueira. Saímos preto da ponte da autovía e para chegar á auga temos que atravesar a horta dunha casa á beira do río, a súa dona, unha señora maior moi amábel, obsérvanos estrañada. O lugar resulta idílico cando se mira ao leste, mais ao volver a vista cara a desembocadura, a ponte fai que varíe radicalmente a percepción. Unha vez pasadas a ponte nova e a de pedra, a relación coa natureza é total, unha sensación de sosego nos invade.

Dirixímonos directamente á desembocadura, na que xa dende lonxe vemos, pero sobre todo escoitamos, romper as ondas. A salitre que se ve dende o lonxe  e o murmurio ameazante do mar, adiantan o que seguramente poidamos comprobar ao achegarnos. Nun segundo plano a illa de San Vicente, unha presenza case sublime. Ao entrar na canle da desembocadura e achegármonos ás ondas, resulta complicado navegar a pesar de que as recibimos por proa. Non queda outra que desembarcar na praia. Ao dar volta a inestabilidade da piragua é total, pero logramos desembarcar sen desvirar. Arrastramos a piragua pola area durante uns 500 metros, coa intención de volver a embarcar unha vez pasada a desembocadura do Baleo. Percibimos que é imposíbel, os tombos seguen igual, estamos no equinoccio de outono e o mar anda bravo. Volvemos, arrastrando novamente a piragua  e retomamos a navegación preto de onde a deixaramos pero buscando o abrigo da lingua de area que vai desaparecendo rapidamente pola forte corrente que trae a subida da marea.

     Ao regresar non o facemos directo, imos cara o esteiro, un espazo natural moi fermoso no que hai unha caseta para observar as aves, unha xunqueira na que quedamos varias veces varados. A falta de profundidade fai que non podamos achegarnos a beira oeste todo o que nos gustaría.

     Unha vez pasadas as pontes, chegamos ao punto de partida, mais en vez de desembarcar seguimos río arriba. Vólvese máis estreito, e cando nos decatamos fíxose noite, nestas datas os grilos non cantan xa, pero preto hai un bar ateigado de xente e podemos escoitar o seu balbordo. Non hai moito visibilidade, así que decidimos dar a volta. O Baleo é un río pequeno, seguro que non deixa remontar moito máis. Subimos outra vez a piragua polo eido, tratando de non facer moito ruído para non molestar a señora que xa está recollida. Colocamos  a piragua no coche e a amarramos ben a baca. Namentres, no bar, aínda non cantaron gol.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s