19- LANDRO

..

.

 

MilRios_Landro

.

.

.

.

BITÁCORA 

  • Data                                         22 / VI / 2013

  • Tempo                                     Nubrado con choivas intermitenetes

  • Distancia percorrida        14.13 millas

  • Duración                               6h 56 m.

  • Velocidade media               2,05 nos.

  • Velocidade máxima           7,78 nós

Saímos da praia da Brela. No extremo este, atopamos un regato co que non contabamos. Sentímonos incitados a percorrelo. É estreito, rodeado de vexetación, conauga totalmente transparente e co fondo nalgúns tramos pavimentado con pelouros de granito moi regulares. Podemos navegalo case unha milla. Unha vez de volta no mar, a navegación resulta doada. No horizonte tres mercantes fondeados preto da illa Coelleira: fóra debe de haber mar. O día está nubrado e de cando en vez orballa, hai unha luz interesante. Ao chegaren á punta chámannos a atención as rochas de lousa. Petóns e furnas configuran unha paisaxe que nos lembra os cadros de Fiedrich. A babor ao lonxe Area: magnífica praia.

Pasamos por diante do cargadoiro de mineral da Insua, agora convertido nun miradoiro, onde os barcos recollían o mineral de ferro procedente da mina Silvarosa, que con períodos de inactividade, se mantivo operativa dende principios do XIX ata o ano 1966. Achegámonos a Covas, praia de augas quentes, navegamos entre os Castelos, monumentais rochas que contrastan co monstruoso edificio do fondo. As carpas lémbrannos que mañá é San Xoán, patrón da localidade. Na primeira liña, chalés construídos, hai máis de medio século, no que era praia; nunha segunda liña, que abarca todo o areal, grandes moles construídas nas últimas décadas.

O parque de Cantarrana, e o instituto, onde hai 40 anos empezou a dar clase un dos tripulantes. Eran os derradeiros anos da ditadura, marcados pola loita contra a central nuclear de Xove, polas liberdades, pola lingua… Tempos de clandestinidade. A sociedade cambiou dende aquela e o territorio tamén, cemento por todas partes.

Viveiro, entalado entre as montañas e o río, lémbranos a Pontedeume. Cruzamos a ponte antiga, chamada da Misericordia, a nova e a do ferrocarril. A marea está chea e a auga cobre todo o leito do río. As augas son de cor negro. Unha vez pasado Magazos, as árbores alternan nas beiras con casas cos seus herbais.

Ao ascender polo río topamos eucaliptos caídos que o cruzan dun lado a outro facendo difícil a navegación, nalgunha ocasión fannos baixar da piragua. Un rápido, con abundante caudal, anuncia unha presa de cemento. A forza da auga obríganos a desembarcar e a arrastrar a piragua dende a beira, que está poboada dunha mesta vexetación que fai difícil avanzar. Para salvar a presa penetramos nun espazo pechado. Logo, como sucede a continuación das presas, un treito de augas tranquilas, pero a continuación a situación complícase e con esforzo chegamos a Naseiro, campo á beira do río, onde a finais de agosto se celebra unha monumental romaría. A partir de aquí a navegación resulta imposíbel e iniciamos o regreso. Debemos de baixar novamente na presa, mais agora si podemos navegar o rápido, alcanzando unha boa velocidade. Deberíamos de traer cascos protectores.

Intentamos pasar uns eucaliptos que atravesan o río e desviramos. Non calamos e a corrente somerxeu a piragua baixo os eucaliptos, sobresaíndo da auga só a popa que está entalada nunha terceira árbore. Intentamos sacala pero non somos capaces, de non conseguilo o de menos é a piragua, o problema sería como volver, só podemos ver matogueiras na orela, o lugar é sombrizo, a tarde vai caendo e vai frío. Ao fin, despois de loitar un bo anaco, un de nós de pé sobre a piragua dada volta e agarrándose as árbores e o outro facendo equilibrio sobre un tronco, logramos somerxela totalmente e pasala para o outro lado dos troncos. O recipiente estanco que levamos, quedou enganchado e debido a forte tensión entroulle un pouco de auga, temos medo de que lle afectase á parte electrónica da cámara que ten o visor totalmente embazado. Decidimos non acendela e agardar a que seque, de modo que non poderemos facer máis fotos. Nese momento non poderíamos tirar ningunha por falta de luz, mais ao saíren ao descuberto, hai máis luz e sentímolo ben nun par de ocasións. Ao estaren tanto tempo na auga entraron unhas pingas na bolsa estanca do móbil, mais por sorte non lle afectaron. A marea foi baixando, e está complicado pasar á ponte da Misericordia, hai desnivel e moita corrente, pouca profundidade e asoman pedras. Decidimos intentalo polo extremo esquerdo que resulta o máis accesíbel. Manobramos para librar as pedras e pasamos.

Damos por rematada a expedición ceando na praia de Area, rolo de bonito, tradicional na zona, debido a grande cantidade de barcos que en Celeiro e Burela andan a este peixe. Ímonos deitar cedo porque mañá temos que remontar o Sor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s