15-VERDUGO (3ª exp.)

.

15 MilRios_Verdugo3

..

 BITÁCORA

  • Data                                       4 /  5 / 2013

  • Tempo                                   Soleado

  • Distancia percorrida       24,35 millas

  • Duración                             9h 40 m.

  • Velocidade media            2,53  nós.

  • Velocidade máxima       4,91  nós.

Saímos ás 7 e media de Vigo para embarcar en Cangas. Ao deixar a autoestrada atopámonos cunha gran cola de coches. Varias parellas da Garda Civil mándanlle soprar aos condutores. Ao vernos fannos sinais para que non paremos. Non sabiamos que para saír de copas había que levar unha piragua na baca.

Embarcamos na conserveira de Massó. Din que cando se construíu, en 1941, era a máis importante de Europa. Lembramos as interesantes fotografías do arquivo Massó. As ondas veñen de fronte e non nos preocupan, inda que o proel non se libra dalgún salseiro. O sol está baixo e pega de fronte, molesta, pero a luz é boa para fotografar.

As ondas que produce a lancha de Vigo desaparecen rapidamente porque teñen distinta dirección que ás do mar. A precaución de emproalas e gardar a cámara resultou innecesaria.

Chegamos a Moaña. O mar está como un espello. Navegamos en medio das bateas, as súas estruturas resultan particularmente suxestivas dende o nivel do mar.

Percibimos con claridade o grado de colonización do territorio: casas, bloques de apartamentos, as pontes de grandes dimensións do Corredor do Morrazo…

Por babor, vemos o estaleiro que, en tempos, foi Ascón. Fainos lembrar as loitas provocadas pola reconversión naval nos oitenta e as fotos de Delmi.

Pasamos baixo a ponte de Rande, que xa nos resulta familiar, e paramos uns minutos para estirar as pernas. As primeiras horas da piragua son as peores, logo xa nin nos decatamos.

A ría semella un gran estanque. No cu de saco, diferentes casas, cada unha do seu pai, con cadanseu embarcadoiro. Como a marea está chea, o espazo resulta moi atractivo, imaxinamos que no devalo debe ser un lameiro con non precisamente bo olor.

Ao seguir bordeando atopámonos coa salina que construíron os xesuítas no século XVIII, e introducímonos nela. Ao saír, atopamos a entrada ao río que andabamos a buscar. Atopámonos con dous regatos, aos que se entra por cadansúa ponte de pedra. Polo da dereita só se pode navegar durante uns metros. As augas son cristalinas e deixan ver un fermoso fondo de boliños. O da esquerda, bordeado de xuncos, é inda máis curto, e tan estreito que nos resulta complicado dar a volta. As súas augas son turbias e cheiran.

Volvemos á ría. Un touro negro, obsérvanos dende o alto. Lembrámonos de Bigas Luna que acaba de morrer. Entramos no Verdugo, e reparamos na illa de Medal que vén de ser arranxada.

Facemos un alto en Pontesampaio. No bar lembrámoslle á camareira as croquetas da vez pasada, contéstanos con retranca, ofrecéndonos para sobremesa torta de améndoa que traen os peregrinos na mochila. Logo, compartimos río cunha chea de piragüistas con embarcacións moi lixeiras, pero que non terían aturado as condicións polas que está pasando o noso kaiak. Como a marea está máis baixa que hai quince días, desta volta non podemos superar o primeiro rápido co que nos topamos. Iniciamos o regreso despois de levar 18 millas percorridas .

Ao chegar á ría, unha paisaxe moi diferente á de hai unhas horas, unha parte importante de auga converteuse en area.

Un piragüista informáranos de que debiamos navegar preto da ribeira de barlovento, así o facemos durante 2,5 millas. Logo, pensamos que hai calado suficiente e cambiamos de rumbo. Foi un erro e quedamos varados. Desembarcamos e arrastramos uns metros a piragua pola area, ata que se converte en lodo, no que afundimos os pés. Non podemos seguir, dirixímonos novamente á ribeira. Embarcamos de novo e navegamos paralelamente á costa e, na punta anterior a praia de Cesantes, endereitamos para a ribeira de enfronte e chegamos ao porto de San Adrián, once horas despois de ter saído.

EXPOSICIÓN

 

Deixar un comentario