Saímos de Placeres igual que a vez anterior; como a marea está alta podemos navegar libremente, sen necesidade de ir pola canle de entrada. Hai ondas, son tendidas e dannos por popa, navegamos ben, con coidado de que non se torza a piragua. Pasamos á beira da celulosa, moi próximos á estrada, un par de camións saúdan coa bucina. A visión da ría e das sinalizacións da canle é moi diferente á que se percibe dende terra. Unha vez pasada a primeira ponte na ría, intentamos entrar no Gafos, mais non podemos pasar facilmente debaixo da nova ponte que nos encontramos á entrada, hai unha tubaxe que nolo dificulta. Agachándonos, superamos o obstáculo. Unha vez ao outro lado, atópamos un desnivel que nos impide seguir e volvemos ao Lérez. Pasamos baixo a ponte das Correntes e entramos na Gándara, espazo natural que chama a atención por encontrarse dentro dunha área urbana. Seguimos polo río Rons unha milla, mais despois de intentalo por varias bifurcacións, entre xuncos, damos volta e regresamos ao Lérez.
Pasamos outras tres pontes e chegamos á dos tirantes, bonita sen dúbida. A continuación a Illa das Esculturas: reparamos na realizada por Croft, en como a árbore non se adapta ao espazo que lle deixou a construción de pedra, e vaina desfacendo. A natureza é indomábel. Agardemos que non se lles ocorra “restaurala”, vémola como unha obra viva e como tal rematará morrendo como construción. E falando da morte, lembramos que o móbil que perdemos na expedición ao Xallas, segue vivo. Como o terminal tiña descargado o Dropbox, agora seguimos a recibir no ordenador as fotos que o novo dono vai realizando. Pode ser material para montar unha historia, xa veremos.
A escultura de Leiro ten como hóspede un bañista da praia fluvial. Sobre o alto, o mosteiro de san Benitiño de Lérez semella estar controlando todo. Máis adiante, por estribor, atopamos o que foi o Balneario do Lérez. Pasamos unha ponte colgante e un pedregal, unha presa con bañistas e as instalacións da auga da cidade.
As augas están escuras pero sorprendentemente quentes. Avanzamos e atopámonos cunha nova presa, con mozos e mozas bañándose. Seguimos e nas beiras entre as árbores máis bañistas, que envexa. Un pouco despois, faise imposíbel xa a navegación, damos volta e non podemos resistir a tentación de darnos nós tamén un baño.
Ao voltar á cidade, un atardecer moi apacíbel con moita xente paseando polas beiras do río. Ao chegar á ría, tras volver cruzar as 11 pontes, somos conscients de que caeu a noite e que a marea baixou, desta vez deberemos pasar pola canle. Queremos saír dela, para non ter que dar unha incómoda volta con fin de entrar en Placeres, mais non atopamos un espazo no muro que nos permita atravesalo. Por sorte, ao fin aparece un e saímos da canle. Hai pouca profundidade e temos medo a varar e a ter que arrastrar a piragua sen ver practicamente nada, pero ao final chegamos a Placeres sen problema.