11-MERO

.

MilRios_Mero

.

.

.

BITÁCORA

  • Data                                       30 / 09/ 2012

  • Tempo                                   Soleado

  • Distancia percorrida       10,7 millas. 

  • Duración                             4h 39 m.

  • Velocidade media             2,3 nós.

  • Velocidade máxima         6,21 nós.

Ao chegarmos á praia de Oza, a marea está aínda demasiado baixa. Agardamos pola marea adecuada tomando unha ensalada de pasta no club náutico de Oza e, ás 2 h 30 m. saímos, mentres a xente toma o sol deitada na area.

Superamos o espigón, que protexe a praia do sur, con certo movemento do mar e oscilacións da piragua. A partir de aquí a navegación é moi tranquila.

Pasamos polo extremo da praia de Santa Cristina,  baixo a Ponte da Pasaxe. Levamos  á dereita o Paseo do Burgo e, un pouco antes de chegar ao Temple, pasamos diante do que foi a fábrica Cros. As beiras totalmente construídas fan presaxiar unha navegación moi urbana.

Cruzamos a ponte da autoestrada e outras de pequenas dimensións. Ao levar catro millas atopamos unha presa de case dous metros de altura. Desembarcamos no lateral, trepamos á plataforma de cemento que hai antes da presa e, tirando do cabo que a piragua leva en proa, subímola. Pensamos que deberiamos pórlle outro cabo en popa, para que sexan máis doadas estas manobras. 

A medida que imos subindo o río, as beiras vanse volvendo verdes. O que ameazaba con ser un percorrido urbano, convértese nun agradábel e inesperado contacto coa natureza. Nas beiras carreiros para pasear en bici. Volveremos para percorrelos.

Ás cinco millas e media, á altura de Cambre, resulta imposíbel seguir navegando. Unha pena. Sería bonito navegar ata o pe do embalse de Cecebre. Se o río trouxese máis auga talvez sería posíbel.

 Damos volta e iniciamos o descenso. Ao chegar de novo baixo a ponte da Pasaxe, intentamos permanecer quietos para fotografar os monumentais pes que saen da auga, pero non resulta doado pola corrente. Á esquerda un campamento de xitanos bordea o río.

 Desembarcamos no areal de Oza e, tras cargar coa piragua ata o aparcadoiro, imos cear ao Manolito, no que sabemos por experiencia que se come ben. Como é domingo está pechado. Tras varios intentos de buscar outro restaurante, dámonos por vencidos e rematamos tomando unhas tapas no Lizarrán, para iso temos que deixar o coche coa piragua na baca aparcado nunha rúa algo distante. Lembramos a película Barrio de Fernando León, menos mal que o final non foi o mesmo. 

Deixar un comentario