16-UMIA (2ª exp.)

MilRios_Umia2

.

.

BITÁCORA

  • Data                                       1 /  6 / 2013

  • Tempo                                   Soleado

  • Distancia percorrida       16,24 millas

  • Duración                             9h 35 m.

  • Velocidade media            1,7  nós.

  • Velocidade máxima       4,53  nós.

Saimos de Cambados deixando atrás un bonito bote tradicional de vela. Hai un lixeiro vento pero, como nos dá de popa, navegamos ben. Observamos por estribor a torre de San Sadurniño coa súa cheminea, que, ao parecer, os veciños facían fumear para avisar da proximidade de naves normandas. Tamén din que baixo os seus cimentos hai un tesouro, pero seguimos adiante.

Entramos por un dos pequenos ollos da ponte, tocando no fondo, e logo navegamos preto da beira de babor, para evitar que nos pase o do ano pasado. Desta vez entramos directamente no Umia. Agora levamos vento, marea e corrente en contra.

Tras percorrer algo máis de 2 millas, desviámonos á dereita por un sinuoso afluente, moi estreito, bordeado de xuncos aos dous lados. Resulta cada vez máis estreito e o calado cada vez menor. A piragua péchalle o paso a unha bandada de muxos que saltan desesperados por riba, un deles está a punto de caer na bañeira. Lembramos unha escena da película Life of Pi.

O regato queda practicamente seco, damos volta e tomamos outra bifurcación do río. Navegamos de novo, pero de seguida nos encontramos nas mesmas. Baixamos da piragua e tiramos dela pensando que o regato pode volver ao Umia. Non é así, cada vez hai menos auga, damos volta.

Como a marea baixa moi a presa, agora debemos camiñar onde hai pouco podíamos navegar. As marcas da auga indícannos que se tivésemos chegado dúas horas antes, sería preamar, e poderíamos remontar este regato que penetra na terra, con innumerábeis bifurcacións, ao modo dun sistema sanguíneo, chegando unha delas, o Rego de Tabueiros, ata unha distancia de máis de dúas millas do río. Sentimos pena de non poder facelo. Ao regresar perdemos o sentido da orientación, a vexetación fai que a canle pareza un labirinto. Por fin, volvemos ao Umia.

O vento volve azoutarnos na cara. Imos superando as sucesivas presas e cada vez son máis os rápidos. Para remontalos debemos navegar duro e moi coordenados, nalgunha ocasión non o conseguimos ata o segundo ou terceiro intento. Aprendemos que, despois de varios rápidos, acostuma vir unha presa.

Cando levamos percorridas 10 millas, baixamos nun areal onde unha rapaza toma o sol, acompañada dun dálmata. Estamos cansos, pero tras repousar 15 minutos e tomar pan de noces e pasas xa nos sentimos mellor, iso a pesar de que non temos unha pinga de auga para beber. Lembramos que os froitos secos eran os que lle daban as enerxías aos ciclistas.

Sorpréndenos ver que non aparecen as plantas que no setembro pasado tapizaban o río e facían imposíbel a remada. Esta vez a auga trae moita máis forza e o percorrido resulta tamén moi duro. Probabelmente o máis duro de todos os ríos que ata agora levamos remontado. Preto de Caldas debemos descender da piragua e arrastrala durante 50 ou 100 metros, ao non haber profundidade suficiente, logo subimos de novo e chegamos á vila de Caldas. Gustaríanos tirar unha foto dos altos muros que separan o río, pero non o facemos por falta de luz.

Son as dez da noite, e despois de 10 horas de expedición, nas que superamos sete presas e desembarcamos catro veces máis para cruzar os rápidos, damos por finalizada a navegación.

Estamos cansos, peor que nunca. Subimos a un taxi e imos buscar o coche a Cambados. Ao volver a Caldas, collemos a autoestrada en vez da autovía e coa dirección errada, de modo que acabamos en Pontevedra, case sen gasolina. Cando ao fin chegamos a Caldas,recébenos a señora do Termas coa pregunta: “outra remontada?”. Lembra o menú que ceamos na expedición pasada. Desta vez non hai nin croques nin año, pero si unha sopa quente de verduras que nos presta de marabilla.

EXPOSICIÓN

Unha resposta a “16-UMIA (2ª exp.)

  1. Intenso a contracorriente. Y recomendable exposición.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s