32- XALLAS (2ªexp.)

.

MIlRios_XallasII

.

.

 

BITÁCORA

Data                             17 / 05 /2014

Tempo                           soleado

Distancia                       17,75

Duración                       8h.

Velocidade media     2.25 nós.

Velocidade máxima  5,18 nós.

 

Embarcamos no porto de Fisterra. Debemos de ter moito coidado ao subir á piragua, unha caída nesta auga sería perigosa. Hai tombos de certo tamaño e a piragua balancéase considerabelmente, navegamos paralelos a costa para recibilos por proa. Ao achegarnos á praia de Langosteira, un precioso areal, o mar calmou. Arrumbamosa Talón, unha cala na que hai trinta anos embarrancou o Good Lyon. Disque o deixaron á deriva ao estar asegurado por riba do seu valor.

Navegamos nun mar como un prato, ata chegar a punta de Sardiñeiro, onde hai certo movemento, aínda que nada preocupante. Ao chegar, vemos un edificio baleiro, cun cartel que anuncia a venda de apartamentos. Ocupa o lugar do que foi a casa de Lola de Andrés. Baixamos na praia, a comprobar se os flotadores da piragua están inflados. Ao carón, houbo unha fábrica de conservas, do mesmo dono que a do Pindo. A pesar do grande número de salgaduras que houbo na ría, moi poucas se transformaron en conserveiras. Xoán Carmona tennos dito que se tivese chegado o ferrocarril, Corcubión tería sido como Vigo.

Navegamos paralelos a praia de Estorde e chegamos a caliña de Amarela, onde hai 20 anos embarrancou o Alza, un pesqueiro cargado de droga. No cabo da Nasa, o mar está calmo e decidimos ir a Illa da Lobeira, a 2,5 millas. Imos con certa preocupación, por medo a que levante mar. A estribor, podemos contemplar o faro Fisterra, que non é o máis occidental da costa galega. Ese mérito teno o de Touriñán.

A diferenza de época fai que a percepción da ría sexa moi diferente a que tivemos na expedición do ano pasado.

Cando chegamos a illa a marea esta baixa e, como estamos en mareas vivas, hai bastante praia. O tempo é magnífico e o lugar case paradisíaco. Só vemos unha pequena motora atracada no peirao. Subimos aos penedos e atopamos a tenda de campaña dos tripulantes, mozos de Corcubión, que seguindo a tradición veñen pasar a fin de semana. Unha rito iniciático da comarca. Ofrécennos cervexa, tortilla e empanada. Aceptamos.

A pesar das súas reducidas dimensións, a Lobeira estivo habitada por torreiros ata os anos vinte do século pasado. Aquí dábanse cita as xeiteiras dos mariñeiros cos galeóns das fábricas para a venda de sardiñas. Na posguerra, un grupo de fuxidos,chegados dende O Pindo, secuestraron un destes galeóns e escaparon, culminando a viaxe en Gran Bretaña.

Deixamos a illa tranquilos, ao levar o número de teléfono dos que quedan, non obstante o mar segue moi calmo. Entramos en Quilmas, desta vez tampouco estáCreus.  Dirixímonos a desembocadura do Xallas, un lugar que suxire tranquilidade. As instalacións deportivas, os coches e autobuses fan que o espazo perda algo do seu encanto.

Baixamos a tomar un xeado e emprendemos viaxe a Corcubión, cos brazos e a cara queimados, esquecemos a crema protectora. Na Punta da Galera sopra o nordés, non podemos cruzar a ría, temos que costear. As ondas éntranos por proa, como son moi seguidas, imos todo o traxecto chupando salseiros.  

Chegamos a Corcubión, o porto máis abrigado dende o da Coruña, e o único lugar, no traxecto da Coruña ás Rías Baixas, onde os barcos podían abastecerse de carbón. As fotos de Romero de principios de século dan fe desa importancia.

Rematamos o día ceando unha castañeta vermella, precedida duns percebes que, neste tempo de mareas vivas, son moi bos.

Deixar un comentario