08-MANDEO E LAMBRE

.

08 MilRios_MandeoLambre

.

BITÁCORA

  • Data                                     3 / 07/ 2012

  • Tempo                                 Variábel, algún chuvasco

  • Distancia percorrida      19 millas.

  • Duración                            7h. 7 m.

  • Velocidade media            2,7 nós.

  • Velocidade máxima       6,3 nós.

Saímos da praia de Gandarío sospeitando que a entrada no río non vai ser fácil.  A marea non está baixa pero hai ondas. Navegamos relativamente pegados á costa para evitar as ondas e ficamos varados, arrastramos uns metros a piragua e entramos no leito do río. Pasamos baixo a ponte do Pedrido e da autoestrada, a navegación xa é tranquila. A paisaxe moi natural: marismas cubertas pola marea. 

Ás 4 millas entramos en Betanzos. Podemos ver gran número de barcas, coas súas mesas, bancos e toldos, que agardan pola festa dos Caneiros. 

Á dereita topámonos co río Medo. O río divide claramente o territorio, á dereita construcións industriais e á esquerda a localidade. Subimos ata onde nos é posíbel, algo menos de unha milla. 

Volvemos ao Mandeo, vemos de novo barcas dos Caneiros. Bordeamos Betanzos, poboación situada nunha lingua definida polos dous ríos. Ao saír da localidade aparece de novo a natureza e, cando levamos 7 millas de navegación, entramos nun espazo natural marabilloso. De seguida chegamos aos Caneiros. Campo e arboredo de gran beleza, neles celébrase en agosto unha das romarías máis populares de Galiza. Ata aquí soben os barcos ateigados de xente, fondean e, a bordo, celebran a festa. Baixamos da piragua e sentamos nunha mesa a comer as tradicionais latas. Nese momento aparece unha  motora montando un gran espolio. Atracan á beira nosa, baixa unha parella de mozos moi novos, apenas están uns minutos e novamente un gran balbordo. Obviamente, non están saboreando a natureza. 

Seguimos navegando río arriba, en dirección a Chelo, o espazo é fermoso. Dúas millas despois dos Caneiros aparece o vixilante e obríganos a dar volta. Dicímoslle que a piragua non estraga o medio ambiente e respóndenos que molestamos os pescadores e que precisamos un permiso especial. Infórmanos tamén de que a partir de aí só sería posíbel navegar un treito moi corto. Quedámonos coas ganas. 

De volta, en Betanzos, atracamos a piragua ao pe dun bar que ten a terraza na beira, e baixamos a tomar un café. Está cheo de adolescentes, coa música alta.

 Cruzamos as marismas, cun rumbo o máis directo que podemos. A nosa intención é subir o Lambre, o río que desemboca a carón do Mandeo. Unha vez que cruzamos a Ponte do Pedrido e entramos na boca do Mandeo, aparecen as ondas. Navegamos cara fóra, preto da costa. A piragua balancease bastante, pero desvirar tampouco sería un problema.

 Unha vez que pasamos a punta, o mar calma e arrumbamos á Ponte do Porco. Unha vez pasada a ponte podemos navegar só unha milla, salvando unhas cantas árbores que cruzan o río. Percorrido corto pero moi bonito. Deste río só sabíamos da súa existencia polo mapa, pagou a pena coñecelo.

 De volta, na desembocadura, topámonos con que a marea baixou e non hai fondo. Debemos arrastrar a piragua. Poderíamos cruzar e ir directos a Gandarío, pero nese rumbo, lonxe da costa, o mar móvese moito. Pensamos que non seríamos capaces de cruzalo sen desvirar, decidimos desfacer o camiño e regresamos pegados a costa, hai menos ondas e voltear non sería un problema. Unha vez, na boca do Mandeo, poñémonos a cruzala, recibindo as ondas, que non eran moi pequenas, de costado. Navegamos facendo zig zags; cada vez que vén unha onda cambiamos o rumbo para collela de proa, salpica pero non hai problema; unha vez que pasa, recuperamos o rumbo. Foi divertido, tampouco había perigo, estabamos preto da praia.

 Chegamos a Gandarío, cando anoitece, algo cansos, dous días antes navegaramos 27 millas no Ulla. Esta vez podemos ducharnos na praia e imos cear a tortilla ás Casillas, despois de tomar o tradicional caldo para entrar en calor.               

Deixar un comentario