02-GRANDE

BITÁCORA

  • Data                            4 / V I / 2011

  • Tempo                        Soleado

  • Distancia percorrida  Sen datos

  • Duración                   Sen datos

  • Velocidade media     Sen datos

  • Velocidade máxima  Sen datos.

Saímos da praia de Lago e navegamos paralelos ao areal. De seguida desviramos. Lévanos media hora remolcar a nado a piragua até a costa: non parecía que estivésemos tan lonxe. Saímos de novo. Esta vez dende a punta norte, para evitar a navegación en paralelo á praia, que é cando existe máis perigo de voltear.

Deixamos atrás o faro e o areal que hai a continuación. Pasamos de largo a boca do río sen decatarnos e, pensando que estabamos entrando nel, metémonos na marisma de Camariñas. Cando somos conscientes do despiste, non nos importa: o espazo é interesante e permítenos contemplar unha fermosa garza. A pouca profundidade obriga a ir buscando carreiros cun mínimo de fondo. Tras varar varias veces, recoñecemos que é imposíbel a navegación. Damos volta para entrar no río.

Na boca, onde a corrente doce se xunta co mar, hai ondas e remuíños; a piragua móvese lateralmente, pero conseguimos pasar sen problema. Navegamos río arriba e, en Cereixo, chámannos a atención os pazos da beira, con cadanseu peirao. Debe ser un gusto vivir nun deles e saír da casa en barco.

Chegamos a Ponte do Porto. Segundo nos contaron, aquí era onde se refuxiaban os barcos durante os temporais, cando a ría aínda nos dispuña de peiraos adecuados. Ao pasar a ponte, a falta de profundidade fainos desistir, varamos a piragua na rampla do estaleiro e agardamos que suba a marea. Mentres tanto, damos conta dunhas latas e dunhas cervexas que mercamos nun bar próximo. A presenza dunha lontra axúdanos a pasar o tempo.

Cando nos achegamos de novo á piragua, botamos en falta un dos chalecos. Buscamos na volta pero temos que dalo por perdido. A preamar permítenos chegar até un pouco máis arriba que na primeira tentativa, pero pronto tamén se nos fai imposíbel. Iniciamos o retorno. Durante o descenso, recuperamos o chaleco que aparece aboiando no medio do río. Parece que nos adiantou, coa axuda da marea.

En Cereixo, sobre a entrada dun afluente, atopamos un muíño de mareas. Agachándonos, pasamos por baixo del e navegamos case até o pe das Torres de Cereixo. Alí atopamos uns mozos que andan de excursión, un deles seica é de Sardiñeiro. Tíranos unhas fotos e dámoslle o correo para que nolas envíe.

De regreso, no areal de Lagos, collemos o coche e dirixímonos a Sardiñeiro. Alí deixamos a piragua. Non volveremos navegar este ano.

Deixar un comentario