.

.
BITÁCORA
Data 8 / VI / 2013
Tempo Nubrado e choiva
Distancia percorrida 17,16 millas
Duración 6 h. 21 m.
Velocidade media 2,7 nós
Velocidade máxima 5,18 nós
Embarcamos en Quilmas co mar tranquilo, quedan detrás as ruínas da fábrica de salgadura e as casetas dos mariñeiros, unha delas convertida en vivenda por Xoán Creus.
Impón a monumentalidade coa que o monte do Pindo sae descarnado do mar. O seu cume, A Moa, cuberta de néboa, ofrece un aire de misterio. Dúas edificacións na aba do monte, na boca do río, deturpan unha paisaxe de extraordinaria beleza.
Entramos na desembocadura do Xallas. Dise que é o único río de Europa que desemboca nunha fervenza. Cando construíron a presa para a central eléctrica fixérona desaparecer. Na actualidade, permiten que caia algo do caudal. Foi, ata finais da década dos vinte do século pasado, a maior xeradora de electricidade de Galiza.
Tras cruzar a ponte, novamente temos a barlovento Os Bois que descobren en baixamar. Esta ría é o espazo vivencial dun dos tripulantes, para el todas as pedras teñen nome propio e cada anaco suxire recordos e navegacións. A estribor, a praia de Gures, a única abrigada do nordés en toda a ría. A mediados do século XIX, encallou neste areal o Great Liverpool. A continuación, Caneliñas, onde estivo afincada unha baleeira.
Cada pouco poalla, a luz é interesante, pérdense os límites. O Carrumeiro Chico–faro sobre un illote mínimo, no que naufragaron moitos barcos– adquire unha presenza case máxica, nun horizonte desdebuxado. Lembramos con admiración a pintura de Tino Grandío. O remar quítanos o frío e como imos preparados para a choiva só nos molesta para tirar fotos.
Da xunqueira de Cee só queda o nome da patroa. Os tres ríos que había foron entubados nun só. No túnel, de máis de 100 m. de lonxitude, a escuridade é total. Ao chegar á saída, non podemos continuar por culpa dun pequeno desnivel. Intentamos dar a volta, pero o túnel non é suficientemente ancho, fáltannos só uns centímetros. Forzamos a manobra e quedamos entalados, a profundidade é pouca, pero quen se mete nestas fedorentas augas? Ao fin somos capaces de dar volta asomando a proa baixo un desaugue.
Chegando a Corcubión, un tripulante decátase de que non ten o móbil, lembrapousalo na piragua cando varamos no Ézaro, para regular o temón. Baixamos en Corcubión e pedímoslle o coche ao amigo Ñaño, para intentar recuperalo. Imos alápero a marea subiu e non queda rastro.
Volvemos embarcar e chegamos a Quenxe, ateigado de edificios de altura considerábel, entre rúas estreitas e sen espazos verdes. “Os territorios da miña infancia que non recoñezo”, diría Miguel Vázquez.
Sobre rochas altas, o castelo do Cardeal, enfronte ao do Príncipe, vixían a ría. A continuación nun pequeno coido protexido do mar, Boca de Sapo, outra ruína desalga.
Ao pasar Cabo de Cee a borraxeira levantou, e as nubes vannos deixando ver Fisterra. Entramos na enseada de Sardiñeiro, e unha vez pasado o peirao, de recente construción, a babor A Eira, un baixo cuberto polo mar, onde en 1927 varou o Emile L.D., segundo nos conta José L. Redonda.
Pasada a punta de Sardiñeiro, arrumbamos ao porto de Fisterra. Debemos ter coidado porque navegamos lonxe da costa, o mar ten certo movemento e ao caer a tarde non se ve ningún barco. Entramos no porto de Fisterra, atestado de pesqueiros, e tras recoller o coche en Quilmas, imos cear a unha peixería-restaurante que veñen de abrir en Corcubión. Escolles o peixe como se estiveses no mercado e prepárancho. Probámola onte e hoxe repetimos.