Saímos da praia de Chanteiro ás 11 da mañá para chegar a Xuvia coa preamar. Aledámonos de que a temperatura subise a 11º. Durante a viaxe fora moi baixa. Á entrada da Coruña era de un grao. Non auguraba unha navegación agradábel. Hai ondas, pero as saídas da praia, coas ondas de fronte, non dan problema. O non dan problema. O máximo perigo é mollarse. Sucede. Un tombo cubre o proel e mete auga
Vista a enseada de Chanteiro en Google, semella a boca dun animal agresivo chea de espuma.
Na primeira punta que temos que pasar, fronte ao porto exterior, rompe ben o mar. Pasámola con moito tino, e a certa distancia da costa, non podemos separarnos moito, porque está entrando un barco de considerábeis dimensións. O mar móvese moito. Hai risco de desvirar. Non temos cubrebañeiras e de voltear non poderiamos subir de novo á piragua. Se isto pasa, e o mar nos arrastra á rompente, mal asunto
Unha vez que entramos na ría todo cambia, a navegación vólvese cómoda. Esta é unha ría moi diferente das outras, cunha entrada estreita. Non é estraño que nela se construíse unha base militar e que Humboldt escribise, como lembra o amigo Tino Fraga, que Europa enteira non ofrece tan extraordinario fondeadoiro.
Na canle de entrada cruzámonos con 2 barcos grandes, que dende a piragua resultan xigantescos. Antes de pasar o segundo, achégasenos o práctico tocando a bucina e berrando para que nos separemos. Cumprimos o ordenado. Baixamos nunha praíña que hai ao pe do castelo da Palma e aproveitamos para baleirar a auga e cambiar a roupa por outra seca que levamos na bolsa estanca
Ao pasar Mugardos, a paisaxe volve cambiar. A ría anchéase, na beira esquerda percibimos as instalacións militares e unha chea de peiraos; na dereita os monumentais e conflictivos depósitos de Reganosa. Cruzamos a ría e navegamos por baixo da ponte das Pías primeiro, logo polas do tren e da autopista; e a continuación por diante das instalacións de Bazán e Navantia (antes Astano). Durante todo o percorrido, o mar está como un prato, o que nos permite cruzar dun lado ao outro da ría sen ningún tipo de coidado. Tras pasar as dúas pontes en Xubia, atopámonos cun muíño moi grande, que parece ser que noutro tempo moia grao para a mariña. Entramos nel coa pirauga e observamos o seu teito restaurado. Sería unha pena que se tivese deixado caer. Á beira do muíño: unha presa que, á súa dereita, ten espazo adecuado para desembarcar e poder pasar a piragua á outro lado sen maior problema. Unha vez superada a presa, na beira dereita, atopámonos coas instalacións dunha fábrica. Polo amigo Xoán Carmona, sabemos que, dende finais do XVIII ata mediados do XIX, dedicoise a producción de moeda e chapa para barcos. Posteriormente, ala polo 1870, converteuse nunha importante fábrica téxtil, e hoxe segue a manter algunha actividade.
Despois de navegar un quilómetro sobre auga como un espello, topámonos cunha nova presa, moito máis grande que a anterior. Temos que cargar coa piragua 350 metros pola beira. Posteriormente podemos avanzar dúas millas, ata a antiga piscifactoría. Aquí a navegación faise imposíbel por falta de calado, obríganos a dar volta cando levamos 4,5 horas remando e 11,3 millas percorridas. No regreso, á altura de Neda, o mar empeza a moverse. Como vimos directos, sen costear, debemos navegar con coidado e rápido para ter estabilidade e evitar problemas. Debaixo das pontes o movemento do mar aumenta e aparecen os tradicionais remuíños, propios precisamente deste tipo de lugares. Temos que remar máis a presa. Na primeira parte da viaxe de volta, atopámonos con motores de afeccionados pescando. A medida que pasa o tempo van desaparecendo e con eles a tranquilidade que dá a súa proximidade, cando se navega a certa distancia da costa.
Ao chegaren a Mugardos o mar xa calmou, pero nesta altura do ano ás sete da tarde vai frío no mar. Decidimos dar por finalizada a viaxe.
Collermos un coche para ir a buscar o coche a Chanteiro. Coas curvas e a velocidade do taxista chegamos medio mareados, a pesares de que non é moita distancia.
De volta, no porto de Mugardos, probamos o polbo á mugardesa, que nos fai lembrar con nostalxia o polbo á feira e o grellado. De segundo, pedimos Marraxo, o único peixe que hai na carta. como non queda, o camareiro dinos: ” tomen raxo que é parecido” Ante o noso asombro, engade: “os dous levan patacas fritas”. Abofé que é importante a pataca na nosa cultura.