09-UMIA

MilRiosUmia1

.

.

BITÁCORA

  • Data                                         2 / IX /2012

  • Tempo                                     Soleado

  • Distancia percorrida         16,2 millas.

  • Duración                                7h 39 m.

  • Velocidade media                2,1 nós.

  • Velocidade máxima            5,8 nós.

  Saímos de Cambados ás tres e media, coa intención de chegar a Caldas con marea alta e aínda de día.

 Non percibimos a entrada ao río. Deixamos a Illeira Oeste por estribor, cun rumbo de aproximadamente 250º. Cando estamos a piques de chegar ao Illote Insuiña éntranos a sospeita de que nos perdemos. Preguntámoslle a un home que se encontra na beira pescando e indícanos que imos en sentido contrario. Damos volta collendo rumbo 90º. Comprobamos, máis unha vez, o difícil que é orientarse dende a piragua.

 Deixamos o Con da Barca por babor e apuntamos directo á ponte da estrada que une Vilagarcía con Sanxenxo. Xa estamos no Umia. Cando levamos percorridas dúas millas e pico, metémonos por un regato á dereita. Apenas podemos navegar 200 metros.

 Ao ir subindo o río, van aparecendo plantas acuáticas con pequenas flores brancas.  Nunha primeira visión lémbrannos os nenúfares de Monet. A medida que imos subindo, vaise incrementando a súa densidade e sentímonos, máis ou menos, como na Orangerie de París, rodeados por nenúfares por todas partes. De momento, hai espazos sinuosos libres que nos permiten sortealas, remamos sen problema aínda que con menos velocidade.

 Ao chegar á primeira presa, decatámonos de que fora unha estupidez ter agardado para saír, xa que a presa evita os efectos da marea. Posteriormente atopamos varias saltos máis que superamos sen problema, desembarcando e pasando a piragua dun lado ao outro.

 Agora as plantas cobren todo o río, de  modo que resulta practicamente imposíbel remar, a velocidade é inferior a un nó. Máis que remar, gateamos sobre as plantas.

 Entre tanto, faise de noite e, como as beiras están poboadas de árbores, non se ve nada, nin sequera somos capaces de ver no reloxo a hora que é. O avance resulta complicado e a viaxe faise interminábel.

De súpeto, percibimos unha luz entre as árbores, pensamos que estamos chegando a Caldas e remamos con ilusión: a luz era a lúa. Entramos de novo na escuridade, e un tempo despois, unha ringleira de farois fainos pensar que estamos no paseo da vila: ao achegármonos vemos a tea metálica que os separa do río. Obviamente non era un paseo, debe tratarse da depuradora ou dun recinto industrial. Logo, pasamos a beira de diversas instalacións fabrís, construídas sobre muros altos, e polo tanto inaccesíbeis dende o río.

 Empezamos a ter medo de non poder seguir adiante, de que os muros non nos deixen saír e de que teñamos que percorrer de novo o río, en sentido inverso. Ademais do tempo que isto levaría, teríamos moi complicado pasar as presas a escuras. De ser así, podemos dicir, sen esaxerar, que teríamos que pasar toda a noite loitando co río.

Ao fin, chegamos a Caldas, pero vémonos entalados entre muros de considerábel altura, construídos para conter as cheas, sen ramplas nin escaleiras que nos permitan saír. Vemos o bar O Muíño ao fondo, cando avanzamos un pouco decatámonos de que está a outro nivel.

 A presa que temos diante non é maior que as que xa pasamos, pero as súas características e a corrente póñennolo complicado. A natureza das beiras impídenos desembarcar. Cando a superamos a presa atopamos outra, aínda que nesta resulta máis doado descender. Ao arribar ao embarcadoiro que hai no Muíño son preto das 12 da noite, e avísannos de que xa non nos poden dar de cear.

 Baixamos en taxi a buscar o coche a Cambados e regresamos a Caldas. Temos sorte e, a pesares da hora, atopamos aberto o bar Termas, onde unha señora moi amábel sérvenos cabrito ben preparado e sobremesa caseira.

 Ás dúas da mañá recollemos a piragua no río, no lugar onde a deixaramos atada, e volvemos a casa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s