24- ANLLÓNS (2ªexp.)

.

 

BITÁCORA

Data                        14 / IX / 2013

Tempo                     Nubrado e choiva

Distancia                 17,13 millas

Duración                6h. 44m.

Velocidade media    2,54 nós

Velocidade máxima  4,38

 

Saímos do peirao de Laxe, o mar parece calmo, mais ao empezar a navegar decatámonos de que hai mar tendido, debemos ter coidado. Deixamos por estribor a bonita praia da vila, de area moi branca, e achegámonos a punta; rompe o mar, e durante media milla, navegamos con certa preocupación. Unha vez que a superamos, contemplamos dúas calas a estribor e emproamos cara a seguinte punta, a Illa do Castelo, onde tamén rompe o mar. Moi preto dela, un bote anda a pescar, supoñemos que robalizas. Volven as oscilacións da piragua, debemos vogar de novo con atención. Logo, o mar está máis tranquilo, dúas novas calas, e entramos na desembocadura do río, non hai ondas nin remuíños. Por babor, a inmensa montaña de area e A Barra, unha grande lingua de area que entra no mar. O río está como un prato e a auga completamente transparente. Un estaleiro sen barcos, e posteriormente na enseada de Lodeiro, outro estaleiro, máis neste caso hai tres barcos de madeira no carro.

Navegamos até Ponteceso vendo saltar peixes preto de nós. Ao pasar a ponte, a paisaxe das beiras cambia, as arbores e arbustos poboan a orela, e acubillan unha chea de parrulos que saen voando ao noso paso. Atopámonos cunha canteira que irrompe na masa verde, e cunha cheminea dunha antiga fábrica que xorde entre as árbores. A medida que imos remontando o río lembramos o que nos custou hai dous anos, quizais por ser a primeira vez, agora subimos máis arriba sen problema, aínda que en dúas ocasións debemos desembarcar para superar obstáculos. Este tipo de paradas obrigadas, axudan a estirar un pouco o lombo pero tamén rompen a inercia dos movementos rítmicos, unha repetición que co paso das horas provoca unha especie de transo, no que se perde a percepción do tempo. Algo máis de dúas millas despois de Ponteceso vólvese imposíbel seguir navegando e damos volta.

No regreso non precisamos desembarcar e baixamos rápido. Paramos en Ponteceso, ben nos merecemos un descanso, levamos máis de cinco horas de navegación. Despois de tomar mazás e abelás, retomamos o descenso. Deseguida, entra a néboa e comeza a poallar, pérdense os límites e desaparecen as montañas. Saímos do río e bordeamos A Barra, o mar está algo axitado. Pasamos entre a Illa Tiñosa e terra onde o mar rompe non lonxe de nós, recibimos por proa os tombos, que veñen espazados pero que non son pequenos, a piragua sube e baixa, resulta pracenteiro aínda que imos en tensión. Chegamos a Balarés con néboa e a medida que nos aproximamos á punta, para ver como se vai presentar a navegación, aumentan as ondas. Cando xa nos asomamos á punta, vemos que sería unha temeridade seguir, decidimos dar a volta cando levamos case 7 horas e 17 millas percorridas.

 

Deixar un comentario