06-LÉREZ

06 MilRios_Lerez

.

.

BITÁCORA 

  • Data                                 24 / 06 / 2012

  • Tempo                              Soleado

  • Distancia percorrida   12,53 millas.

  • Duración                         4h 49 m.

  • Velocidade media         3,16.

  • Velocidade máxima    4,86.

.

Saímos de Praceres buscando a canle de entrada para non quedar varados. A estribor, a celulosa, hoxe apenas se apreza o fedor a repolo que desprende. O traxecto de entrada ao río non parece moi longo. A cidade de Pontevedra vese moi preto, ao fondo. A outro lado da ría, na praia de Lourido, debe ir máis vento, hai voando media ducia das cometas que usan para Skysurf.Pasamos a sucesión de pontes que configuran a cidade. Imos decididos a dar volta ao redor da Illa das Esculturas, pasamos diante da peza de Dan Graham, vemos a de Penone e falamos do que nos gustan as de Fernando Casas. Alédanos ver a illa máis coidada que en tempos pasados, mais non atopamos por onde bordeala.

  A nove millas da saída, o río non nos permite seguir navegando, hai grandes penedos descubertos e o calado non é suficiente. Hoxe deberiamos ter traído cascos para evitar unha mancadura no caso de envorcar. Decidimos dar a volta.

De regreso atracamos na escultura flotante de Leiro e sentamos un anaco nos seus bancos, supomos que tamén estarán pensados para isto. Abandonamos a cidade pola beira contraria, o mar xa non está tan tranquilo coma antes, hai vento e ondas, pola súa cor e temperatura podería ser o mediterráneo.

Por precaución navegamos preto da costa, pero quedamos varados e temos que volver atrás, alonxarnos. Remamos atentos e con forza. Ao chegar a Combarro un tripulante báñase, o outro considera que a auga non está limpa. Comemos nunha terraza á carón da praia.

Para volver a Praceres, sopesamos a posibilidade de facelo pola Illa de Cortegada, mais as ondas e o vento fannos desistir e facémolo costeando. Aínda así debemos ter coidado. Ao chegar decatámonos de que estamos como tomates, foi a primeira navegada en tempo de verán e non nos lembramos de traer protector. 

..

Deixar un comentario