29- EO

 

 

 

BITÁCORA

Data                                 22/ IX / 2013

Tempo                             Soleado

Distancia                       18,1 millas

Duración                        7h 34 m.                                                          

Velocidade media         2,38 nós.

Velocidade máxima     5,24 nós

Na dársena de Ribadeo chámanos a atención a cantidade de embarcacións de vela tradicionais que hai atracadas. Que bonitas son!. Saímos do porto, emproando cara o mar para contemplar a esvelta ponte dos Santos que nos une a Asturias. Tras ela, nun segundo plano, o antigo cargadoiro de Porto Estreito, construído a principios do século XX para transportar a Inglaterra e Alemaña o mineral de ferro procedente da mina da Pontenova e que dende mediados do século pasado está inactivo.

Navégase ben, o mar está calmo, o ceo totalmente despexado e a luz é horríbel para fotografar. En fronte, o porto de Figueiras, con barcos de importantes dimensións atracados no peirao. A ría é estreita e, ao comparala coas da Costa da Morte, semella un gran estanque. 

Arrumbamos cara Castropol que aparece cuberto de brétema. Cando levamos 3 millas, o río anchease e nalgunhas partes ten pouca profundidade, quedan ao descuberto grandes areais. A auga baixa cunha cor parda escura e, ao estar no nivel do río, cústanos distinguir por onde vai a canle de entrada, equivocámonos e quedamos varados.

Baixamos da piragua e afundímonos ata os xeonllos. Resulta practicamente imposíbel andar, os poucos metros que hai ata o areal fánsenos interminábeis. No areal un afúndese algo menos e podemos albiscar o que parece ser a canle. Apesares do mal trago, fixámonos na peculiaridade do entorno, unha planicie chea de verdeño e cunchas, con pequenos montículos de liñas suaves creadas pola auga. O cheiro a descomposición non manca o nariz coma noutras ocasións. A calor é forte, pero, por non abrir a bolsa estanca, aguantamos sen beber ata atopar un lugar mellor. Volvemos arrastrar a piragua ata dar cunha mínima profundidade para que flote connosco a bordo.

Unha vez na canle navegamos sen problema. Cando levamos cinco millas e media cruzamos a ponte do ferrocarril e, inmediatamente, a da estrada que sae de Porto de Abaixo cara A Veiga. Pasamos unha instalación industrial en A Xunqueira, e atopámonos cun eucaliptal na beira do río, baixamos e sentámonos nun banco, a primeira sombra que atopamos nas tres horas de navegación. Agradécese.

Unha vez que as mazás da horta dun dos tripulantes nos fan recuperar enerxías, volvemos embarcar e seguimos río arriba, mentres eloxiamos o sabor da froita. O mordela fainos volver á infancia, un manxar que desaparece igual que a multitude de variantes que tiñamos. A navegación complícase e debemos baixar varias veces da piragua, nun dos casos a corrente é tan forte que a duras penas podemos remontar o rápido tirando dela. Os desembarcos fanse continuos. Un home dende a beira dinos que aínda que a marea suba algo máis, non poderemos navegar: “aquí só se pode en momentos de crecida”.

O regreso faise máis fácil, aínda así temos que baixar da piragua un parveces. Ao pasar as pontes de volta, como a marea subiu, xa non se ven os areais e non hai problema, navegamos en liña recta.

Ao chegar a Castropol vemos unha embarcación tradicional veleando. Dá xenio vela. A luz cambiou e o río está un chisco máis movido. Desembarcamos no porto e dirixímonos directamente a Vigo. Quédanos un bo treito.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s